A Xunta convoca os premios extraordinarios de formación profesional en grao superior

O obxectivo destes galardóns é recoñecer o traballo do alumnado que cursa estas ensinanzas con resultados excelentes

Lun, 12/04/2021 - 10:54

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de convocar os premios extraordinarios de Formación Profesional de Grao Superior correspondentes ao curso 2019/2020 para o alumnado que rematou os seus estudos no ano 2020.

En total convócanse ata 23 premios extraordinarios, un por cada familia de Formación Profesional de grao superior implantada en Galicia. Poderán optar a estes premios os estudantes que obtiveran unha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requerimentos.

O prazo de presentación de solicitudes para optar aos galardóns estará aberto ata o día 12 de maio. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou directamente desde a propia aplicación PremiosEdu.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de Formación Profesional de grao superior en Galicia e enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego.

A dotación orzamentaria para estes premios é de 19.550 euros que se distribuirán entre os galardoados na mesma contía, de 850 € por alumno. Ademais da correspondente dotación económica, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional de formación profesional de grao superior.