A Consellería de Educación acompaña aos centros galegos galardoados na recollida do premio internacional Educared

Foron recoñecidos os traballos do CRA de Boqueixón- Vedra, o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela) e CEIP A Ponte (Ourense)

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad reafirma así o seu compromiso coa innovación educativa e coa integración das TIC no sistema de ensino galego

Xov, 20/10/2011 - 13:50
José Luis Mira, na entrega de premios
José Luis Mira, na entrega de premios

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acompañou hoxe aos representantes dos centros educativos galegos galardoados na recollida do premio internacional Educared, certame no que foron seleccionados de entre os 4.000 proxectos participantes de 29 países.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, representou ao departamento educativo da Xunta de Galicia neste acto, no que se entregaron galardóns ao Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón-Vedra, a Escola de Educación Infantil Milladoiro, o CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela) e o CEIP A Ponte (Ourense).

Coa súa participación no acto de hoxe a Consellería de Educación mostra unha vez máis o seu apoio firme a todos aqueles centros educativos e docentes que están a traballar en diversos proxectos de innovación educativa, na procura dunha maior calidade no ensino. Desta forma compleméntase ademais a estratexia de integración das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo galego, un cambio polo que está a apostar o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad a través de iniciativas como o proxecto Abalar, polo que máis de 33.000 alumnas e alumnos de 5ºe 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO dispoñen este curso de ordenadores ultraportátiles para o seu uso na aula.

Proxectos premiados

De entre os centros galardoados, o CEIP A Ponte acadou o terceiro premio na modalidade especial 4 (Traballos colaborativos no ámbito do mesmo país), por ‘Benclau’, un grupo de traballo formado por profesores galegos e andaluces no que se intercambian e comparten textos da tradición popular. O xurado valorou no blog do proxecto o feito de ser un estímulo para a participación de toda a comunidade educativa, xa que nel están implicados tanto as familias como os docentes e o alumnado.

‘Computación na nube’ é o proxecto de iniciativa de comunidade virtual coa que as 7 escolas que compoñen o CRA de Boqueixón-Vedra participaron neste certame, no que acadaron o cuarto posto da categoría II da modalidade A (Docentes con alumnos nos cursos de 1º, 2º y 3º de Educación Primaria). Trátase de unha iniciativa que contribúe a combater a dispersión poboacional do rural, sobre as posibilidades da computación cloud (na nube) aplicada e adaptada ás necesidades destas escolas.

A comunidade virtual permite a profesores e nenos poden comunicarse entre si, traballar e facer actividades escolares de forma conxunta sen ter que desprazarse, a través da rede. Para iso contan coa tecnoloxía cloud, en nube, que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder ás necesidades do usuario de forma flexible e personalizada, a través de internet e sen necesidade da axuda de expertos informáticos. Deste xeito, todo o material para o traballo colaborativo está en rede, a disposición de quen necesite empregalo, polo que  non son necesarios emails, nin memorias usb, nin a instalación de software en cada ordenador.

Pola súa banda, o proxecto ‘O cine en infantil’, presentado polo CEIP Ramón Cabanillas e a EEI Milladoiro, foi un dos finalistas premiados na categoría I da modalidade A (Docentes con alumnos en 2º ciclo de Educación Infantil). Trátase dun blog que pretende achegar o coñecemento de cine, vídeo, televisión e DVD como ferramentas para crear, expresar e comunicar. O xurado destacou a calidade da iniciativa, cuxos contidos son elaborados en grande medida por nenos de entre 3 e 5 anos,  e que contribúe á inclusión das novas tecnoloxías. Neste proxecto traballou tamén a EEI Milladoiro.