Xunta e Foanpas abordan a mellora dos servizos escolares en Vigo

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, mantivo unha reunión de traballo cos responsables desta entidade
Ven, 09/04/2021 - 12:05
foanpas

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Foanpas (Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Vigo) manteñen aberta unha liña de diálogo para afondar en cuestións de interese para a comunidade educativa de Vigo, tal e como se puxo de manifesto na primeira reunión de traballo entre o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, e os representantes desta entidade, celebrada en Vigo.

Na xuntanza, na que tamén estivo presente o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares, abordáronse cuestións relativas ao contexto covid, como é o proceso de vacinación e o seguimento das medidas hixiénico-sanitarias recollidas nos protocolos que a comunidade educativa, especialmente o alumnado e os docentes, están cumprindo coa máxima responsabilidade.

Así mesmo, o encontro serviu para avanzarlles aos representantes das familias o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que está elaborando a Xunta co fin de que o deseño dos futuros espazos educativos (ben sexan rehabilitacións, ampliacións ou novas construcións) respondan ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, apostando por espazos máis amplos, máis accesibles e inclusivos, medioambientalmente sostibes e, sobre todo, preparados para afrontar a transformación dixital dos próximos anos.

Pola súa banda, por parte dos representantes de Foanpas púxose de manifesto o interese polo funcionamento dos servizos complementarios, como é o caso do comedor escolar, o funcionamento das actividades do verán e o proxecto de zonificación escolar da cidade, cuestións todas elas que quedaron emprazadas a vindeiras reunións de carácter máis técnico.