A Xunta impulsará unha oferta de 16 másteres de FP a partir do próximo curso que mellorará e especializará aos titulados

Videoxogos, intelixencia artificial, ‘big data’ ou ciberseguridade son algunhas das ramas que se buscan introducir no ensino da nosa Comunidade
O obxectivo, no marco da futura Estratexia Galega de FP, é promover a excelencia destas ensinanzas e propiciar unha maior relación co mundo empresarial
Estes cursos de especialización facilitarán a inserción laboral dos titulados a partir das novas necesidades produtivas as oportunidades de innovación
Este ano, como experiencia piloto, desenvólvense cinco experiencias deste tipo en centros educativos das catro provincias galegas
Lun, 05/04/2021 - 14:07

A Xunta de Galicia vai impulsar a oferta de 16 másteres (cursos de especialización) de Formación Profesional no sistema educativo galego a partir do vindeiro curso 2021/2022. Anuncioullo hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aos representantes empresariais de toda Galicia, encabezados polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, no transcurso dunha xuntanza de traballo para avanzar nas novidades da oferta de FP para o vindeiro curso académico.

O obxectivo deste proxecto pioneiro é especializar a formación que os estudantes reciben nos ciclos, “en áreas cunha amplísima demanda no mundo laboral”, explicou Román Rodríguez, que avanzou que algunhas delas serán “o desenvolvemento de videoxogos, a intelixencia artificial, o big data ou a ciberseguridade”.

Neste sentido, o conselleiro solicitou aos empresarios a máxima colaboración na planificación destas novas titulacións, que permitirán “dar unha formación especializada aos nosos alumnos, adaptándoos aos novos retos aos requirimento do tecido empresarial e que, sen dúbida, xerará un importante valor engadido que repercutirá no conxunto da sociedade”, incidiu.

Resposta aos novos retos sociais

Así mesmo, destacou a importancia deste fito para favorecer a empregabilidade dos titulados da FP. Unha inserción que, segundo os últimos estudos, acada xa os 92% no caso da FP Dual. “É fundamental e necesario traballar man a man co tecido empresarial da nosa Comunidade”, sinalou Román Rodríguez, especialmente nun momento como o actual, no que “desde o punto de vista educativo temos que estar preparados para dar unha resposta áxil e axeitada aos novos desafíos da sociedade”.

O conselleiro agradeceu aos representantes empresariais a súa colaboración coa FP, especialmente na Formación en Centros de Traballo (FCT) e no impulso da FP Dual.

“Temos en definitiva unha FP moderna, dinámica e innovadora, motivo de orgullo e prestixio, que busca seguir adaptándose á realidade socioeconómica e seguir sendo unha porta aberta ao emprego”, resumiu o conselleiro, destacando que “a prioridade é seguir por esta senda, a través do diálogo fluído coas empresas e axentes aquí representados”.

Entre 300 e 700 horas

Os másteres de FP veñen complementar e especializar a formación incluída nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior. Para acceder a eles é preciso cursar e superar previamente un ciclo formativo.

En concreto, os 16 másteres (cursos de especialización) serán os de Intelixencia artificial e Big data, BIM (Building Information Modeling), Instalación e mantemento de sistemas conectados a Internet (loT), Implementación de redes 5G, Ciberseguridade nos entornos das tecnoloxías da información, Ciberseguridade nos entornos das tecnoloxías de operación, Fabricación intelixente, Desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual, Dixitalización do mantemento industrial, Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos, Mantemento e seguridade en sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, Fabricación aditiva, Sistema de sinalización e telecomunicacións ferroviarias, Audiodescrición e subtitulación, Panadería e doces artesanais e Cultivos celulares.

A diferenza dos ciclos formativos que dan lugar a un título oficial do sistema educativo, ás persoas que superen estes cursos expediráselles unha certificación académica que complementa a formación o título que se require para o acceso. A súa duración está fixada entre 300 horas e 720 horas. Algúns dos cursos de especialización incorporan o módulo de Formación en centros de traballo (FCT), polo que é imprescindible a colaboración do tecido empresarial na súa impartición

No actual curso 2020/2021 implantáronse, como experiencia piloto, cinco destes másteres no sistema educativo galego. Os cursos de especialización que se imparten na actualidade son os de Ciberseguridade nos entornos das tecnoloxías da información (no CIFP Politécnico de Santiago e no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol), Dixitalización do mantemento industrial (no CIFP As Mercedes de Lugo), Cultivos celulares (CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense) e Fabricación intelixente (no IES Politécnico de Vigo).

Estratexia Galega de FP 2021/2025

Esta oferta formará tamén parte da nova Estratexia Galega de FP 2021-2025, unha reformulación estratéxica que marca estas ensinanzas como unha prioridade do Goberno galego. Entre outros aspectos, afondará na innovación tecnolóxica, no impulso da FP dual e da formación en centros de traballo, nas competencias emprendedoras e nas relacións co tecido empresarial.