A Xunta abre o prazo para a incorporación de novos centros ao ensino plurilingüe en Galicia o próximo curso 2021-22

Teñen ata o 30 de abril para solicitar implantar o modelo plurilingüe nas etapas de Infantil (Plurinfantil), Primaria e ESO (Plurilingüismo clásico) e en Bacharelato (Pluribach)

O modelo plurilingüe implantado polo Goberno galego chega neste curso a 423 centros escolares, que contan co apoio de 617 auxiliares de conversa nativos

Logo de máis dunha década de implantación, este modelo de potenciación de linguas estranxeiras no sistema educativo galego conta co recoñecemento dos alumnos a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación, e do grao de satisfacción amosado polos docentes

Dom, 04/04/2021 - 12:14

A Xunta de Galicia abre o prazo para a incorporación de novos centros escolares ao ensino plurilingüe no vindeiro curso 2021-22, o que permitirá seguir estendendo a aprendizaxe dunha lingua estranxeira no sistema de ensino galego, tanto na Rede de centros plurilingües (primaria e secundaria) como na etapa de Infantil (Plurinfantil) e Bacharelato (Pluribach). Tal como publicará mañá no Diario Oficial de Galicia a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, os centros teñen de prazo ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes.

Todas estas convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (EDUlingüe), para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado galego.

Este modelo plurilingüe implantado polo Goberno galego -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO (o denominado Plurilingüismo clásico). Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional (PluriFP).

Ao abeiro da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe, no curso actual 2020/21 hai un total de 423 centros plurilingües e 4.647 seccións bilingües, con 617 auxiliares de conversa nativos de ata 20 nacionalidades distintas que imparten clases nestes centros. Do total de centros plurilingües, 171 teñen implementado o ensino dunha lingua estranxeira na etapa e Infantil, 13 en Bacharelato e un total de 50 ciclos de Formación Profesional.

Etapas de Primaria e Secundaria

Os centros escolares que opten a formar parte da Rede de Centros Plurilingües nas etapas de Primaria e Secundaria deberán presentar un proxecto plurilingüe para o primeiro curso da etapa así como unha planificación para os seguintes anos académicos. Cómpre lembrar que a implantación do plurilingüismo nestas etapas esixe dunha continuidade progresiva, isto é que se un centro opta por implantar o programa en 1º de Primaria no curso 2019-2020, no seguinte ten que asegurar a extensión dese proxecto a 2º de Primaria e así sucesivamente ata completar a etapa.

No mencionado proxecto deberá constar a lingua estranxeira escollida, así como a relación de áreas ou materias que se impartirán en dita lingua, e a relación de profesorado encargado da docencia xunto coa acreditación da competencia lingüística para facelo, entre outros factores.

Plurilingüismo en Bacharelato

O Pluribach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis completa e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo.

Deste xeito, o alumnado cursará materias curriculares, ata 1/3 do seu horario, no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro, como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada, ao longo dos dous cursos, de 40 horas. Así mesmo, os centros educativos contarán con auxiliares de conversa para levar a cabo o programa. O obxectivo é que os mozos e mozas dispoñan de formación específica para poder chegar a certificar o nivel B2 ao remate da etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas ou das entidades certificadoras acreditadas.

En canto ao profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, deberá ser especialista da materia que vaia impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente. Ademais, deberá acreditar, cando menos, un nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL).

Plurilingüismo en Educación Infantil

No que atinxe á implantanción do modelo plurilingüe no segundo ciclo de educación Infantil, o alumnado cursará áreas curriculares, ata 1/3 do seu horario, no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo. Os centros que se incorporen a este programa disporán do apoio de auxiliares de conversa. O profesorado que imparta as áreas non lingüísticas en lingua estranxeira debe ter como mínimo o nivel B2 ou equivalente nesta lingua.

Todo o profesorado implicado nestes programas contará con plans específicos de formación no centro.

Seccións bilingües

Así mesmo, a partir de mañá ábrese a convocatoria para solicitar a incorporación de novas seccións bilingües nos centros escolares. Os centros que desexen implantar unha sección bilingüe teñen de prazo ata o 31 de maio para facer a correspondente solicitude en liña.

Este programa supón a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística que se cursa dun xeito bilingüe nunha lingua cooficial e nunha lingua estranxeira utilizada como mínimo durante o 50% do horario lectivo.

Programa CUALE para as probas de certificación nas EOI

No que atinxe ao Programa CUALE (cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras), os centros interesados dispoñen de prazo ata o día 10 de xuño para tramitar as solicitudes.

Ao abeiro deste programa (que este ano, ademais de inglés, francés e alemán, inclúe como novidade o portugués), o alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia pode preparar as probas de certificación das Escolas oficiais de Idiomas (EOI) dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas. A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo.

O CUALE desenvolverase en 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que superasen todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade CUALE A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Por outra banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) ou outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartir o CUALE, docentes de ensinanza secundaria de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, e o dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EOI, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

Os centros que desexen implantar o programa CUALE deben facer a correspondente solicitude en liña, completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede na ligazón http://www.edu.xunta.es/programaseducativos. No presente curso escolar 2020/21 o programa CUALE desenvólvese en 30 centros educativos da Comunidade Autónoma, nas diferentes modalidades e idiomas.

Evolución cuantitativa e cualitativa do modelo plurilingüe

Logo de máis dunha década do inicio da implantación do modelo de ensino plurilingüe en Galicia a través da Estratexia Galega de linguas estranxeiras, que arrancou con 58 centros plurilingües no curso 2010-11 e que hoxe acada os 423.

Este crecemento exponencial tamén se rexistra nas seccións bilingües implantadas (que pasou das 720 en 2009 ás preto de 4.700 da actualidade) e no número de auxiliares de conversa (dos 67 no curso 2008-09 aos 617 actuais).

Desde o punto de vista cualitativo o programa queda referendado en datos como o elevado porcentaxe de alumnos (sete de cada dez) que lograron acreditar o seu nivel de inglés nas últimas probas de certificación convocadas polo Trinity College, referente no eido internacional; ou que o 96% do alumnado galego matriculado nas probas do DELF Escolar en lingua francesa obtivo este certificado.

A boa acollida da iniciativa de potenciación de linguas estranxeiras no sistema educativo galego tamén se reflicte entre o profesorado, xa que case o 99% dos docentes coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.