A Xunta asumirá o servizo de comedor do CEIP Os Tilos ante a falta de colaboración do Concello de Teo

Así llo trasladaron responsables da Consellería de Educación aos representantes da Anpa Cobas-Os Tilos nunha reunión mantida esta mañá

Xov, 18/03/2021 - 15:15

A Xunta de Galicia asumirá o vindeiro curso a xestión do comedor escolar do CEIP Os Tilos (Teo), ante a falta de colaboración por parte do Concello de Teo. Así llo trasladaron hoxe aos representantes da Anpa Cobas-Os Tilos o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, e Universidade, Manuel Vila, no decurso dunha reunión celebrada nas dependencias da Consellería.

O departamento educativo da Xunta asumirá a partir do vindeiro curso a xestión deste servizo complementario, logo de que o Concello de Teo rexeitara a proposta de diálogo por parte da Consellería para un consenso ao respecto, como é habitual entre administracións.

Así pois, fronte á postura inmobilista do Concello, será a Consellería de Educación a que atenda as necesidades das familias e garanta o funcionamento e a continuidade do comedor escolar dos Tilos.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia apoia o servizo de comedor escolar dun total de 77.000 rapaces, ben a través da xestión da Consellería de Educación (62.000 comensais), ben a través do apoio a concellos e anpas (uns 15.000 beneficiarios).