A Xunta impulsa a Formación Profesional na área da Coruña coa creación do novo CIFP Universidade Laboral, que reforza a oferta formativa, as prazas dispoñibles e a dotación de profesorado

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que a especialización deste centro de Culleredo enmárcase na aposta do Goberno galego polas ensinanzas de FP como referente de innovación e empregabilidade
Asegurou que se vai converter nun referente para o sector produtivo, especialmente para as familias marítimo-pesqueira, de instalacións e mantemento, de enerxía e auga e de actividades físicas e deportivas
Disporá de 245 novas prazas e ofertará oito novos ciclos, un deles de FP Dual
Este novo CIFP súmase ao de Leixa, en Ferrol, que tamén entrará en funcionamento o vindeiro curso na provincia da Coruña
Lun, 01/03/2021 - 16:28
roman

A Xunta de Galicia vai reforzar as ensinanzas de Formación Profesional na área da Coruña coa posta en marcha, o vindeiro curso, do novo CIFP Universidade Laboral (Culleredo), que verá reforzada a súa oferta formativa, así como o número de prazas dispoñibles e o plantel de profesorado.

Así o deu a coñecer esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita ao IES Universidade Laboral, onde se reuniu coa dirección do centro para explicarlle de primeira man o proxecto de transformación en CIFP de cara ao vindeiro curso. Unha aposta que, en palabras do titular de Educación, “forma parte dunha acción estratéxica do Goberno galego por impulsar de maneira especial estas ensinanzas que son sinónimo de calidade, de innovación e de empregabilidade, e así nolo recoñecen fóra de Galicia e mesmo desde o propio Ministerio”.

Román Rodríguez asegurou que a ampla e recoñecida traxectoria do actual IES no que atinxe a ciclos formativos -actualmente imparte 24 ciclos de ámbitos variados como o deporte, o marítimo, a electrónica, a mecánica ou a enerxía- “vai servir para fortalecer de maneira especial este novo proxecto de CIFP” do que se van beneficiar tanto os estudantes como o sector económico e empresarial. O conselleiro destacou precisamente a “alta cualificación profesional” dos estudantes de ciclos formativos en Galicia, cunha alta taxa de inserción laboral”.

Lembrou, ademais, que na provincia da Coruña tamén se vai poñer en marcha outro proxecto deste tipo, concretamente na área de Ferrolterra, coa conversión do IES Leixa (Ferrol) en CIFP.

A día de hoxe, a Rede de Centros Integrados de Formación Profesional de Galicia está composta por 20 centros asentados nas principais cidades de Galicia e que, logo dunha traxectoria afianzada, ademais de atender ás necesidades de cualificación formativa, actúan como enlace cos sectores produtivos cos que manteñen unha interlocución fluída a través dos coordinadores dos centros e que ten unha incidencia directa nos cambios tecnolóxicos, de organización e aproveitamento de recursos que incide de maneira positiva tanto nos propios centros coma nas empresas.

Oferta reforzada

Coa súa conversión en CIFP, este centro de Culleredo disporá de oito novos ciclos (un deles de FP Dual) e 245 prazas máis, xunto co reforzo do profesorado (22 novas contratacións) necesario para atender a nova oferta formativa, que se ve reforzada sobre todo en ámbitos como o marítimo-pesqueiro, o deportivo ou de enerxía.

Así, no vindeiro curso, á actual oferta, engadiranse os ciclos superiores de Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos, o de Fabricación intelixente, o de Enerxías renovables e o de Ensinanza e animación sociodeportiva, así como o superior Dual en Xestión da auga. Así mesmo incluiranse o ciclo medio de Guía no medio natural e de tempo libre, e os de FP Básica de Mantemento de embarcacións deportivas e de recreo e de Acceso e conservación en instalacións deportivas.

Ademais, duplícanse as prazas presenciais no grao superior de Transporte marítimo e pesca de altura (que pasa de 22 a 44) e introdúcese a modalidade a distancia no superior de Eficiencia Enerxética e enerxía solar térmica e no medio de Instalacións de produción de claro, con 50 novas prazas cada un deles.