Anxo Lorenzo gaba o esforzo da industria editorial galega por situar o sector nun escenario de progreso e innovación

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta tarde na Coruña na inauguración das novas instalacións da editorial Rodeira, do Grupo Edebé

Mar, 11/10/2011 - 22:14

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, afirmou hoxe que “a industria editorial galega está a realizar un importante esforzo para situar o sector no escenario de progreso, modernidade e innovación que Galicia precisa”.

O secretario xeral fixo estas declaracións durante a inauguración das novas instalacións da editorial Rodeira, do Grupo Edebé, que tivo lugar esta tarde na cidade da Coruña, e na que estivo acompañado pola coordinadora da editorial, María Xesús Gómez, e pola directora do grupo Edebé, María Banal. Libreiros, escritores, ilustradores, profesores e representantes de artes gráficas e de distribuidoras, entre outros, quixeron compartir con Rodeira a inauguración das novas instalacións da editorial.

Anxo Lorenzo referiuse a este acto como “un reflexo da vontade, do esforzo e da ilusión de cada un dos axentes implicados na industria editorial para contribuír ao avance do sector en Galicia, tan necesario para difundir e proxectar cara ao futuro a lingua e a cultura galegas”. “Esta iniciativa –engadiu– dá boa mostra do labor decisivo que nestes momentos difíciles están a levar a cabo as editoriais galegas para afrontar os retos do sector e adaptarse aos novos soportes e ás novas formas de consumo da sociedade actual”.

Case vinte anos de traballo

O secretario xeral tamén tivo palabras de recoñecemento para o traballo concreto de Rodeira. “Desde hai case vinte anos –dixo– a editorial leva ideando e materializando  ambiciosos proxectos editoriais en Galicia, arredor do ámbito educativo e da literatura infantil e xuvenil, cos que contribuíu e contribúe á formación en galego dos máis pequenos, así como á difusión da nosa lingua”.

O programa Bocaberta

Ao fío disto, recordou e agradeceu a colaboración directa de Rodeira coa secretaría xeral, a través de iniciativas como o programa de dinamización lingüística Bocaberta. A editorial participou nas últimas edicións deste amplo proxecto de actividades e de materiais, dirixido ás franxas de idade máis novas e xestionado principalmente polas editoras galegas. Actividades como Contos para falar e A guerra das bruxas, impulsadas por Rodeira, foron algunhas das múltiples iniciativas a través das que o programa Bocaberta percorreu nos últimos anos todos os concellos de Galicia para fomentar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

Finalmente, Anxo Lorenzo quixo recordar que a secretaría xeral está a traballar para restablecer a orde de axudas á edición de materiais didácticos curriculares en galego. A este respecto, asegurou que “ás institución públicas tócanos, agora máis que nunca, realizar tamén un esforzo para colaborar co sector no marco do noso servizo á cidadanía”.