A Xunta e a CEG colaborarán no deseño dunha oferta de FP innovadora e conectada coas necesidades empresariais

O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co novo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites, para perfilar liñas de actuación futuras que garantan a adaptación á demanda empresarial e a mellora da empregabilidade
Ven, 19/02/2021 - 10:57
conselleiro

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), van intensificar a súa colaboración co obxectivo de mellorar a oferta das ensinanzas de Formación Profesional tendo en conta as demandas do mercado así como a realidade socioeconómica na que se inxire.

A necesidade dunha mellor planificación e adaptación dos ciclos formativos á demanda dos sectores produtivos de Galicia foi abordada nunha reunión entre o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o novo presidente da CEG, Juan Vieites, quen coincidiron na importancia de colaborar na aposta por unha Formación Profesional de calidade, innovadora, conectada co territorio e en consonancia coas necesidades do tecido empresarial, o que facilitará a inserción laboral dos estudantes.

Román Rodríguez explicou que para acadar con éxito estes retos é fundamental contar coa implicación do empresariado galego, como xa o leva facendo proxectos que están resultando de grande valor como é o caso da implantación da FP Dual, unha modalidade formativa que non sería posible se non fora polo compromiso das empresas, desde pymes ata multinacionais.

A FP galega leva experimentado un importante crecemento na última década tanto a nivel cuantitativo, cunha subida de máis do 50% no número de matriculados, coma cualitativo, apostando pola especialización a través do impulso dos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), e a introdución da FP Dual.

Modelo referente en España

De aí que ambos puxeran de manifesto a disposición de colaboración mutua neste eido de cara ao futuro, onde a Xunta vai seguir apostando polo impulso destas ensinanzas profesionais que a día de hoxe son un modelo de referencia no conxunto do Estado, segundo lembrou o conselleiro.

Outro dos temas abordados na xuntanza foi a situación actual de pandemia e a súa incidencia nas prácticas de formación en empresas. A este respecto, cómpre lembrar que a Xunta xa abordou no seu momento unhas instrucións para o desenvolvemento da formación práctica en empresa, sempre respectando os protocolos sanitarios. Precisamente deseñouse unha folla de ruta alternativa para aqueles casos nos que non se poida desenvolver esa formación nos termos prefixados (con módulos telemáticos, emprego dos talleres dos propios centros ou flexibilización das prácticas, entre outros, en función de cada caso).