A VIII Mostra do Entroido pon en valor as Xeneralas da Ulla para celebrar o carnaval no ensino

Os equipos de dinamización da lingua galega dos centros participantes difunden o proxecto audiovisual feito por Títeres Cachirulo para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia
O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na apertura da celebración a través de videorreunión
Ven, 12/02/2021 - 12:59
entroido

A VIII Mostra do Entroido, impulsada desde os equipos de dinamización da lingua galega de centros educativos co apoio da Xunta de Galicia, adapta a súa programación ao contexto derivado da covid-19 para seguir celebrando o carnaval no ensino e visibilizar e transmitirlle ao alumnado o importante valor patrimonial dunha das festas máis tradicionais de Galicia. De maneira virtual, e da man do proxecto audiovisual As xeneralas da Ulla, promovido por Títeres Cachirulo para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, os centros participantes nesta iniciativa presentárona e desenvolverona hoxe co seu alumnado.

Na videorreunión de apertura participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen felicitou os centros e aos representantes de Títeres Cachirulo e agradeceulles “o especial esforzo que implica este ano celebrar o entroido galego, adaptado ás circunstancias sanitarias”. Neste sentido, salientou que esta é quizais “unha das festas tradicionais que mellor retratan boa parte do patrimonio inmaterial cultural e lingüístico que os galegos e galegas compartimos e que cómpre preservar e transmitir”.

No marco da celebración, os centros composteláns CIFP Compostela, IES e CEIP Lamas de Abade, CPR Raiola, CEEPR Aspanaes-Duques de Lugo e CEIP Apóstolo Santiago, o CEIP Pérez Viondi da Estrada (Pontevedra) e o CPI Plurilingüe da Picota de Mazaricos (A Coruña), convidado nesta edición, acolleron a proxección da peza As xeneralas da Ulla, inspirada no espectáculo de rúa homónimo da coñecida compañía de teatro integrada por Xurxo Rei e Carmen Domech.

Monicreques para ilustrar a ampla e gran festa popular galega

As xeneralas da Ulla leva ao audiovisual o coñecido espectáculo de rúa de Títeres Cachirulo para ilustrar, con vistosos monicreques de madeira, a diversidade do entroido galego, nomeadamente, o da comarca da Ulla. Inspirada nas celebracións das distintas parroquias e concellos das dúas beiras do Ulla, durante a festa dos correos e das xeneralas, nas que todas van a cabalo e engalanadas con vistosos traxes típícos percorrendo as rúas, dándolle vivas á xente do lugar, propiciando e motivando un ambiente distendido e festivo, con paradas, nas que as cancións se combinan cos atranques (combates verbais) para exaltar a lingua. As bandeiras que locen correos e xeneralas na súa vestimenta son a da paz, a ecoloxía, a muller e as artes, polo que a liorta dos versos céntrase en defender e transmitir estes valores.

A peza, accesible desde o repositorio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 no Portal da Lingua Galega, amosa 70 marionetas rigorosamente ataviadas coas vestimentas dos diferentes personaxes do Entroido, que van aparecendo na escena comentando brevemente algunha das súas particularidades. A través dela, é posible percorrer os Entroidos máis significativos de 21 concellos das catro provincias galegas, como os choqueiros (A Coruña), volantes (Chantada), o oso de Salcedo (Pobra de Brollón), mázcaras (Manzaneda), boteiros (Viana do Bolo), vellaróns (Castrelo de Cima, Riós), cigarróns (Verín), peliqueiros (Laza), vergalleiros (Sarreaus), pantallas (Xinzo de Limia), felos (Maceda), a Pita (Eiroás), troteiros (Bande), bonitas (Sande), merdeiros (Vigo), madamas e galáns (Cobres) ou os Ravachol (Pontevedra).