Máis do 96% do alumnado que se examina en Galicia do DELF escolar obtén o certificado, 8 puntos máis ca media española

Galicia é a cuarta comunidade en número de alumnos que se examinan destas probas, no marco do Convenio de colaboración coa Embaixada de Francia

Xov, 11/02/2021 - 14:43

O 96% do alumnado galego matriculado nas probas do DELF Escolar (Diplôme d’Études en Langue Française), obtivo este certificado, o que supón que 732 alumnas e alumnos conseguiron no 2020 este recoñecemento oficial de lingua francesa expedido polo Ministerio de Educación Nacional de Francia e homologado internacionalmente por 174 países. Cómpre sinalar que estes diplomas teñen a mesma validez oficial que o DELF para adultos, con temas adaptados aos adolescentes e unha duración indefinida. O éxito do alumnado galego nestes exames supera en case 8 puntos a media española (96%).

Estas probas enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería e o Servizo de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España. O número de inscritos en 2020, cuarto ano consecutivo no que se desenvolveron estas probas, supuxo multiplicar por 3,5 a participación do ano 2016. Deste xeito, Galicia sitúase no cuarto posto por número de inscritos a nivel estatal.

Cómpre salientar, ademais, que máis do 90% dos examinados acadaron a certificación á que aspiraban, chegando ao 100% de éxito nas probas do nivel A2, ao 93,87 % nas probas do nivel B1 e o 98,33% no nivel B2.

No pasado curso 2019/2020 o número de inscritos continuou incrementándose, de forma que Galicia foi a cuarta Comunidade autónoma no número de alumando inscrito de toda España. Tamén é salientable a participación de 25 centros educativos novos.

Prazos e lugares

O prazo para matricularse na nova convocatoria destas probas estará aberto ata o 26 de febreiro de 2021. As probas escritas colectivas desenvolveranse os días 5 de maio (para o nivel B1) e 6 de maio (para os niveis A2 e B2); mentres que as probas orais individuais realizaranse entre o luns 3 de maio e o mércores 26 de maio de 2021.

Os candidatos poden presentarse directamente ao diploma correspondente ao seu nivel, dentro dos devanditos 3 ofertados - A2, B1 e B2- do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Cada diploma avalía as 4 destrezas lingüísticas: comprensión e expresión escritas, comprensión e expresión orais. A superación da media (50 puntos sobre 100) permite obter o diploma; aínda que se esixe unha nota mínima de 5/25 n cada destreza.