A Xunta de Galicia investirá 4,6M€ en 111 cursos de formación para persoas desempregadas nos centros educativos de FP

Os conselleiros de Educación e de Emprego asinaron hoxe un convenio de colaboración para a impartición destas accións

O obxectivo é impulsar a empregabilidade con estas iniciativas formativas que inclúen módulos específicos sobre igualdade, inserción laboral e sensibilización ambiental

Trátase de coordinar a oferta de formación profesional ás demandas do tecido industrial e produtivo da Comunidade

Lun, 08/02/2021 - 12:32
cursos

A Xunta de Galicia ofrecerá este ano un total de 111 cursos de formación para o emprego nos centros educativos que imparten ensinanzas de Formación Profesional. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a impartición destas accións formativas para persoas desempregadas (AFD). Trátase de coordinar a oferta de formación profesional ás demandas e necesidades do tecido industrial e produtivo de Galicia.

Os cursos de Certificados de Profesionalidade para desempregados impartiranse en centros da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. No acordo recóllense 111 cursos: 52 na provincia da Coruña, 22 en Lugo, 11 en Ourense e 22 en Pontevedra. A formación diríxese a persoas inscritas como demandantes de emprego ou que formen parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Todos os cursos deberán incluír no seu programa o módulo transversal de inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero (10 horas), así como un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica (8 horas).

Serán profesores dependentes da Consellería de Educación os que impartan as accións formativas, mentres que o departamento de Emprego asume os custos directos e asociados dos cursos, por importe de 4,6M€, así como o pagamento das axudas e bolsas a traballadores desempregados que participen nestas formacións.

Esta colaboración pon os centros educativos que imparten ensinanzas de FP a disposición das accións formativas para o emprego. Non en balde, o fomento da empregabilidade entronca directamente cos obxectivos últimos do impulso que se lle deu á Formación Profesional desde o Goberno galego na última década, que redundou nun incremento de máis do 50% da súa matriculación.

Módulos de FP

A través do convenio asinado hoxe renóvase tamén a autorización para impartir, con carácter reducido, algúns módulos singulares de Formación Profesional Inicial nos CIFP de Coia-Vigo, de Santiago de Compostela e Santa María de Europa de Ourense, de titularidade da Consellería de Emprego e Igualdade.

Neste caso a Consellería de Educación asume os gastos de funcionamento e de docencia destes módulos, mentres que o departamento de Emprego atende os gastos xerais das instalacións dos centros da súa titularidade.

Ambos os dous conselleiros remarcaron a importancia do acordo referendado hoxe, por ofertar un servizo fundamental á par que irrenunciable no contexto actual, e que vai permitir reforzar o mercado laboral galego. Un mercado que, como lembraron, está a resistir á caída do paro respecto doutras comunidades, o que da boa conta da resiliencia e fortaleza da sociedade galega, amparada sempre por políticas públicas de emprego e formación adecuadas ás necesidades de cada momento.