Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do SUG, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego,convocatoria para o ano 2021

Mér, 27/01/2021 - 10:25

Xúntase a Orde do 31 de decembro de 2020, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

  • O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Programa: Axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral
Data de publicación DOG: 27/01/2021
Código de procedemento: ED481B
 

Forma de presentación: electrónica https://sede.xunta.gal/portada
Prazo de presentación de solicitudes: do 28/01/2021 ao 01/03/2021
 

Cal é o obxecto destas axudas?

Incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación. Ademais, nesta convocatoria as solicitudes presentadas por entidades alleas ao Sistema Universitario de Galicia (en adiante SUG), citadas no apartado seguinte, poderán presentar a persoal investigador que opte a contar co apoio da Comisión Fulbright e a obter a condición de bolseiros Fulbright.

Novidades desta convocatoria

- A duración global da axuda segue a ser dun máximo de tres anos, pero elimínanse as fases pechadas e estancas de 2 anos no estranxeiro e un de retorno no sistema e substitúense por contratos de un máximo de tres anos de duración nos que as estadías se poden desenvolver ao longo de todo o período.

- Elimínase a limitación de estadías mínimas dun ano de duración en favor dunha distribución que permita realizalas nos períodos que as persoas contratadas e os seus centros de investigación precisen, sempre que a duración mínima sexa de 6 meses e a máxima de 24 meses.

- A convocatoria prevé varios sistemas para aqueles casos nos que, por razóns excepcionais, non sexa posible realizar estadías no estranxeiro e permitirá, en determinados supostos, que se poidan desenvolver en centros de I+D+i nacionais alleos á Comunidade Autónoma de Galicia.

- En consecuencia, modifícanse os conceptos retributivos con respecto a anteriores convocatorias e establécese unha axuda base de carácter salarial que se incrementará con complementos non salariais durante os meses que se permaneza en estadía.

Quen pode solicitar estas axudas?

- As universidades do Sistema Universitario Galego (en diante SUG), ante a Secretaría Xeral de Universidades, a través do procedemento ED481B.

- Os organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e os centros do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) radicados en Galicia, ante a Axencia Galega de Innovación (Gain), a través do procedemento IN606B.

- As persoas investigadoras non poden solicitar directamente estas axudas, senón que o teñen que facer a través dalgunha das entidades indicadas, sempre que cumpran os requisitos que se indican no artigo 2.2. da convocatoria.

Tipo e intensidade da axuda

- Tipo de convocatoria: convocatoria en réxime de concorrencia competitiva

- Tipo de axuda: axuda a fondo perdido

- Intensidade da axuda: 100 %

- Duración das axudas: un máximo de 3 anos

- Orzamento total: 6.920.700 euros (a achega da Secretaría Xeral de Universidades será de 5.652.000 euros e a achega da Gain de 1.268.700 euros)

Número e importe das axudas

Poderanse conceder un máximo de 49 axudas: 40 para as universidades o SUG, das cales 10 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright e 9 para as demais entidades, das cales 2 poderán obter a condición de bolseiras Fulbright.

Os importes destas axudas son os seguintes:

- 28.600 euros brutos anuais en concepto de salario e de custos sociais.

- Un complemento por cada mes de estadía de:

 

  • 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

  • 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).

  • 2.000 euros se o destino da estadía está en EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

  • - Un total de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en EUA para as solicitudes de aquelas persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright.

    - Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas.

    A onde acudir?

    Para solicitudes presentadas por universidades do SUG:

    CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
    SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES
    SUBDIRECCIÓN XERAL DE PROMOCIÓN CIENTÍFICA E TECNOLÓXICA UNIVERSITARIA

    Edificio Administrativo San Caetano, s/n
    15781 Santiago de Compostela
    Teléfono: 881995152 / 881995157 Fax: 881999135
    Email: promocioncientifica.educacion@xunta.gal
    Información web: http://www.edu.xunta.gal

    Para solicitudes de entidades alleas ao SUG:

    VICEPRESIDENCIA SEGUNDA E CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN
    AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

    Rúa Airas Nunes, s/n
    15702 Santiago de Compostela
    Teléfono: 881999213 Fax: 981541039
    Email: axudas.gain@xunta.gal
    Información web: http://gain.xunta.gal