Aberta a inscrición para o congreso “As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro”

O evento, que terá lugar na capital de Galicia os días 21 e 22 de outubro, congregará a diversos especialistas na promoción de linguas minoritarias

Política Lingüística, en colaboración con outras institucións de España e de Europa, promove esta iniciativa no marco do programa Cultura 2007-2013 da UE

A Consellería de Educación recoñecerá o congreso como actividade de formación do profesorado

Mér, 05/10/2011 - 15:05
Aberta a inscrición para o congreso “As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago
Aberta a inscrición para o congreso “As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro”

O prazo para inscribirse no congreso As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro xa está aberto. As persoas interesadas en asistir ao evento, que terá lugar entre os días 21 e 22 de outubro na capital galega, deben cubrir cos seus datos persoais o formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en www.xunta.es/linguagalega/congreso_as_linguas_e_culturas_do_camiño, ou no sitio web http://www.santiagolanguages.com/gl/congreso. A inscrición é gratuíta.

A situación actual e os desafíos das linguas e das culturas minoritarias que se vertebran ao redor do Camiño protagonizan este congreso, que se celebrará no Museo Pedagóxico de Galicia. Nel trataranse cuestións relativas á historia común de diversas linguas e culturas minoritarias en Europa, analizaranse as súas situacións actuais e reflexionarase sobre os principais desafíos que deberán afrontar para proxectarse cara ao futuro.

O congreso enmárcase no proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade lingüística e cultural no Camiño de Santiago de Compostela, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con outras institucións de diversos territorios de España e de Europa, está a realizar dentro do programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea. O web www.camino-eu.com inclúe información sobre todas as iniciativas que se promoven no marco do proxecto, entre as que, ademais do congreso, tamén se encontra unha exposición sobre as linguas e as culturas no Camiño, que pode visitarse ata o 24 de outubro no Museo Pedagóxico de Galicia.

O programa do congreso

Unha conferencia sobre o presente e o futuro da lingua galega, a cargo do profesor Xesús Alonso Montero, inaugurará o congreso. O primeiro día tamén incluirá unha mesa redonda con profesionais que se dedican á promoción das linguas vasca, bretoa, galega ou aragonesa, para expoñer o modelo deste proxecto de Culturas e Linguas para a promoción da diversidade lingüística. A xornada rematará cunha conferencia sobre as circunstancias do éuscaro en Navarra no contexto europeo.

Outra conferencia, sobre o estado da diversidade lingüística do planeta,  abrirá o segundo día do congreso, á que seguirá unha mesa redonda acerca da promoción das linguas minoritarias desde as institucións rexionais europeas. Especialistas en diferentes linguas tamén participarán nesta xornada para expoñer as peculiaridades das súas situacións. Farano a través de diversas conferencias, que tratarán sobre o balance, impedimentos e perspectivas do occitano, sobre a diversidade lingüística en Alemaña, sobre os retos do bretón e sobre a proposta ortográfica para esta lingua. O congreso tamén contará coa representación da Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (EACEA), como organismo promotor da diversidade lingüística e cultural europea.

A conferencia de clausura versará sobre as linguas europeas na literatura do Camiño de Santiago en Europa. Finalmente, un recital poético da cantiga de Meendiño, interpretada en diversos idiomas, poñeralle  o peche ao congreso.

Actividade de formación do profesorado

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecerá o congreso como unha actividade de formación do profesorado e a Universidade de Santiago de Compostela validarao por 1 crédito de libre configuración.

Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo

Menús News node R