A Xunta multiplica por cinco as axudas aos universitarios con dificultades económicas para continuar estudos neste curso

A Consellería de Educación vén de abrir o prazo para solicitar estas bolsas, ás que destina un total de 500.000 euros fronte aos 100.000 do ano pasado

Nesta convocatoria inclúese a dificultade para continuar estudos derivada da situación de pandemia

O importe das bolsas, en función da renda familiar, oscilará entre os 1.500 e os 2.750 euros

Ven, 15/01/2021 - 12:20

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para solicitar as axudas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que, debido a causas sobrevidas e imprevistas acontecidas ao longo do curso académico 2020/21 ou por unha situación derivada da covid-19, presente dificultades económicas. Deste xeito, desde o Goberno galego garántese que poidan continuar os seus estudos universitarios.

O departamento educativo da Xunta destinará a estas axudas unha contía global de 500.000 euros, o que supón multiplicar por cinco os 100.000 euros da convocatoria do ano pasado. En todo caso a contía poderá ser incrementada ata cubrir a todas as persoas que o precisen. As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.500 e os 2.750 euros. Desde o curso 2011/12 a Xunta concedeu un total de 290 destas bolsas (38 delas o pasado curso) por importe de 827.000 euros.

Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia, poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario cunha situación de emerxencia derivada dunha situación da COVID-19 ou por unha causa sobrevida e imprevista acontecida durante o presente curso escolar (isto é, entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021) e que estea matriculado no curso 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do SUG.

No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá estar matriculado como mínimo de 30 créditos. Ademais, non poderá ter recibido esta axuda con anterioridade e a renda per cápita da unidade familiar non será superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2021 multiplicada por 1,50.

Causas imprevistas derivadas da pandemia

Na convocatoria enténdense como causas imprevistas a orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar.

Ademais, como novidade este ano introdúcese como causa sobrevida tamén as xurdidas como consecuencia da covid-19 como que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estean en situación de desemprego, en Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) ou en calquera outra situación que supoña unha merma económica ou laboral como consecuencia directa da pandemia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e, opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os prazos -que poden consultarse no DOG- varían en función do tipo de causa sobrevida e do momento en que acontecera.