A Xunta suspende o prazo de presentación de ofertas no contrato de transporte escolar para analizar as alegacións recibidas

Co obxectivo de ofrecer o mellor servizo, os técnicos da Consellería de Educación avaliarán posibles melloras para corrixir distintos aspectos no prego

Lun, 11/01/2021 - 21:37

A Xunta de Galicia vén de decidir suspender o prazo de presentación de ofertas na licitación das rutas de transporte escolar, que remataba o vindeiro 18 de xaneiro, para así analizar polo miúdo as diferentes alegacións recibidas de diversos colectivos implicados no proceso.

O obxectivo é ofrecer o mellor servizo nun contrato que estará en vigor nos dous próximos cursos, prorrogable por dous máis. Á vista das incidencias trasladadas, optouse por interromper o proceso. A decisión fíxose efectiva este mesmo luns, por resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, algo xa comunicado aos colectivos potencialmente interesados na licitación dentro da rolda de contactos mantida nos últimos días. Neste sentido, o conselleiro Román Rodríguez reuniuse hoxe no seu despacho coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, para informala persoalmente deste asunto.

Como indica a resolución, dado que os aspectos “postos de manifesto polos interesados poden ter transcendencia no desenvolvemento do proceso de adxudicación e na execución posterior do contrato, é preciso a súa avaliación e comprobación polos servizos técnicos da Consellería”, para o que é necesario paralizar os prazos.

Unha vez determinado o alcance destas rectificacións, procederase a reanudar ou prorrogar os prazos iniciais de presentación de ofertas ou, no seu caso, retrotraer o expediente ao momento da aprobación dos pregos para subsanar estes erros, do que se dará a oportuna publicidade a través da plataforma de contratación da Xunta.

O maior gasto en transporte de España

Cómpre lembrar que Galicia continúa sendo a Comunidade Autónoma coa maior rede de transporte escolar, concentrando o 21,6% do gasto de toda España neste eido. A Consellería de Educación licitou en decembro o transporte escolar nas rutas que lle corresponden, o 47% do total. Trátase dun proceso de gran complexidade técnica con 1574 rutas en 424 centros de ensino, divididas en 57 lotes, cun importe de máis de 81M€. A paralización do proceso non afecta á prestación do servizo neste curso.