Román Rodríguez recoñece e agradece o esforzo da comunidade educativa, que foi clave para pechar con éxito o primeiro trimestre do curso

O titular de Educación subliñou a especial implicación dos alumnos, dos docentes e dos equipos directivos, grazas aos cales os centros educativos foran lugares seguros ante a covid, xa que as cifras constatan que non houbo transmisión interna

Na xuntanza tamén se informou das novidades do procedemento de admisión para o vindeiro curso, cuxa Orde publica hoxe o Diario Oficial de Galicia

Mar, 22/12/2020 - 13:23
r
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade reuniuse coa Xunta Autonómica de Directores para facer balance destes tres meses

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá coa Xunta Autonómica de Directores, para facer balance do primeiro trimestre do curso e escoitar as principais demandas de cara ao vindeiro trimestre de xeito que se siga desenvolvendo con todas as garantías de seguridade sanitaria, como ata o de agora.

Román Rodríguez cualificou de “moi intenso” este trimestre, sobre todo polo grande esforzo e implicación do alumnado e as súas familias, do profesorado dos equipos directivos e do persoal non docente, aos que agradeceu, en nome do Goberno e da sociedade, o traballo desenvolvido.

Precisamente a implicación da comunidade educativo fixo posible que os centros educativos foran lugares seguros ante a pandemia, tal e como reflicten os datos de casos, que constatan que non son lugares de transmisión da covid. En todo caso, aproveitou para facer un chamamento a “non baixar a garda” durante este Nadal para que o vindeiro trimestre tamén se desenvolva con éxito.

Román Rodríguez tamén agradeceu as achegas da comunidade educativa para poñer en marcha distintas iniciativas e ferramentas que axudaron a que o proceso de ensino-aprendizaxe se desenvolvera coa máxima normalidade dentro do contexto excepcional de pandemia. Neste sentido referiuse a aos distintos protocolos específicos para cada da ámbito (extraescolares, comedores, alumnado con necesidades,...), a creación das comisións de absentismo ou o Plan de ensino virtual, entre outros.

Así mesmo, puxo en valor o esforzo da Administración autonómica coa contratación de 2.300 novos profesores que se incorporaron ao sistema educativo garantindo o ensino presencial ao cen por cen; a dotación do Fondo de Garantía Covid que permitiu a blindaxe dos centros desde o punto de vista hixiénico-sanitario; e os plans de formación iniciados neste trimestre e que se van ver reforzados no vindeiro con cursos específicos para persoal docente e non docente.

Proceso de admisión para o vindeiro curso

Así mesmo, no decurso da xuntanza informouse das novidades do procedemento de admisión de alumnado para o vindeiro curso 2021-22, e cuxa Orde publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

A principal novidade desta Orde é a que atinxe aos prazos de reserva de praza no caso do alumnado que remata etapa nun centro escolar e ten que reservar praza nun centro adscrito. Nestes casos, o prazo de presentación da documentación para a reserva de praza será do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro, ambos inclusive. Ata o de agora ese prazo era do 1 ao 15 de febreiro.

No que atinxe aos nenos que entran por primeira vez no sistema (maioritariamente de 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que queiran cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles, os prazos xerais de solicitude de admisión mantéñense do 1 ao 20 de marzo, como ata o de agora.

Os trámites poderán facerse de xeito telemático a través da aplicación ‘admisionalumnado’ que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.