A Consellería de Educación e a empresa Alcoa clausuran o proxecto de prevención de riscos laborais en centros educativos da Coruña

José Luis Mira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa clausurou hoxe no CIFP Someso o proxecto que implantou a cultura da prevención de riscos en tres centros

Máis de 400 alumnas e alumnos beneficiáronse desta iniciativa

A Fundación Alcoa patrocina o programa, en coherencia co compromiso da empresa coa prevención e a saúde laboral

Mér, 28/09/2011 - 11:35

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, clausurou hoxe o proxecto de “Prevención de riscos laborais en centros de FP de A Coruña” realizado nos CIFP Someso, IES A Sardiñeira e IES Urbano Lugrís, en colaboración coa Fundación ALCOA da Coruña.

O director xeral considera que con este proxecto se incidiu na importancia da implantación da cultura de prevención de riscos e na necesidade do cumprimento das normas de saúde e seguridade nos centros que imparten formación profesional, como primeiro paso para que o alumnado de formación profesional, e futuro traballador, adquira a conciencia da prevención de riscos e a necesidade de seguir e respectar as de normas seguridade.

Neste acto tamén estarán presentes o director de Alcoa A Coruña, José Gil Fernández Pulpeiro e empregados da dita empresa, empresarios da comarca, profesorado e alumnado dos centros participantes, que imparten ciclos formativos das familias profesionais de edificación e obra civil, electricidade e electrónica, fabricación mecánica, imaxe persoal, instalación e mantemento, madeira, moble, química e transporte e mantemento de vehículos.

O director de Alcoa - A Coruña, destaca o forte compromiso da compañía coa saúde e a seguridade laboral en todas as súas actividades produtivas. A prevención, engade, está moi arraigada na cultura da nosa empresa e a considera clave para que se integre na formación dos futuros traballadores.

Cultura de prevención

No marco da clausura do proxecto, que tivo como obxectivo principal o afianzamento da cultura da prevención e a seguridade nas aulas e talleres dos centros implicados, o director xeral remarcou que o éxito deste proxecto vén avalado polas actuacións levadas a cabo: a  formación de profesorado e alumnado en materia de prevención de riscos laborais que lles permitiu obter o certificado en prevención de riscos laborais nivel básico, a sinalización de máquinas, equipos e instalacións, a dotación de equipos de protección individual para o alumnado de ciclos formativos, a  instauración do sistema de 5’s nas aulas e talleres e a observación das medidas de prevención e seguridade nun centro de traballo como é o da planta de Alcoa de A Coruña. O proxecto, financiado pola Fundación Alcoa, contou cun orzamento de 40.000 euros.

A Fundación Alcoa, creada en Estados Unidos en 1952 e operativa en España dende 1999, contribúe á mellora da calidade de vida dos habitantes que forman parte das comunidades nas que a compañía está presente. A educación, formación, saúde, seguridade e enerxías alternativas son as súas áreas prioritarias de actuación. 

Este é o segundo proxecto en materia de prevención de riscos nos que colaboran a Consellería e a Fundación Alcoa. O proxecto piloto realizouse no curso académico 2008-2009 en centros de Formación Profesional da Mariña Luguesa, concretamente no CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, no IES Perdouro, de Burela e no IES María Sarmiento, de Viveiro.

Colaboración con empresas e mellora da inserción laboral

José Luis Mira remarcou a evidencia de que é imprescindible, dentro da formación profesional e dos centros educativos, a colaboración coas empresas comprometidas, como é ALCOA, e que exercen un papel esencial nas diferentes familias profesionais de FP.

Estas colaboracións permiten establecer sinerxías tanto en materia de cultura da prevención como en temas de fomento da cultura emprendedora, enerxías alternativas, innovación tecnolóxica, e o desenvolvemento da formación en calquera familia profesional grazas ao módulo obrigatorio de formación en centros de traballo.

Dende os seus comezos a Consellería realizou unha aposta firme e clara pola implantación na FP da cultura da prevención como resposta ás necesidades do mercado laboral e mellora das condicións laborais do alumnado galego. Neste senso, a implantación dos novos currículos LOE de FP inclúen a formación específica en prevención de riscos laborais.