A Conselleria cifra no 16,13% a incidencia da folga convocada polos sindicatos, e agradece a actitude responsable de todo o profesorado

A administración recorda que na maioría dos centros a xornada transcorreu con absoluta normalidade

Educación xa leva contratado no presente curso educativo a 414 docentes interinos para as ensinanzas de educación primaria e secundaria

Mar, 27/09/2011 - 13:59

O director xeral de Centros, José Manuel Pinal informou hoxe que segundo os datos que manexa a administración educativa, a folga convocada polos sindicatos do ensino foi seguida por un 16,13% dos docentes, dos que 20,30% o seguiron en primaria e o 12,62% en secundaria. Por provincias o seguimento foi dun 16% na Coruña; un 11,73% en Lugo; un 18,95% en Ourense, mentres que en Pontevedra foi dun 16,87%. Con estes datos o director xeral sinalou que “desde a Consellería a valoración que se fai é que os centros funcionan con normalidade, e os profesores demostran que entenden a medida da reorganización horaria polo que se lles agradece a súa implicación co sistema educativo”.

O director xeral lembrou, unha vez máis, que a ampliación da xornada lectiva non supón en ningún caso que o profesorado teña que traballar máis. Pola contra, dixo que grazas a medida adoptada –que equipara en horas lectivas aos docentes galegos co 80% dos de toda España- a comunidade educativa disporá de 60.000 horas máis á semana para atender aos nenos e nenas con máis necesidades ou dificultades de aprendizaxe.

Durante a súa intervención aos medios José Manuel Pinal recordou que no relativo ao diálogo cos sindicatos “sempre manifestamos a nosa vontade de falar, porque entendemos que é necesario posto que redunda na calidade do ensino. Estamos abertos a reabrir as negociacións cos sindicatos e partir de agora mesmo nos reuniremos para tratar os temas necesarios para o normal funcionamento dos cursos escolares”, ao que engadiu que “as convocatorias fanse cada vez que xurde algún tema que é preciso que pase por mesa sectorial”. Ao mesmo tempo asegurou que “no relativo á reorganización horaria non haberá cambios; é unha orde que está publicada e pechada e que é entendida pola gran maioría da sociedade e por preto do 84% do profesorado”.

No relativo as cifras de docentes José Manuel Pinal recordou que “este ano se celebraron oposicións e ingresaron novos funcionarios no sistema e novos interinos. Neste punto cómpre sinalar que xa 414 docentes interinos máis que o ano pasado, nas mesmas datas, nas ensinanzas de educación primaria e secundaria, cubrindo así as necesidades que se presentaron nos centros de ensino desde principios deste curso 2011/2012”.

Declaracións (1) do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal

Declaracións (2) do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal

Declaracións (3) do director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal