O conselleiro de Educación preside a estrea do documental “Lembranzas da infancia, recordos da escola”

Xesús Vázquez Abad destacou a importancia do proxecto, que analiza o patrimonio educativo galego legado pola diáspora

Ven, 23/09/2011 - 18:48
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presi
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a presentación do documental “Lembranzas da infancia, recordos da Escola”

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a presentación do documental “Lembranzas da infancia, recordos da Escola”, un acto celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.

Durante o acto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia do papel dos devanceiros galegos emigrantes, que “partiron e, ao coñecer outros lugares e outras culturas, outros xeitos de vida, decatáronse de como a educación podía cambiar o porvir dun pobo”.

Deste xeito o conselleiro incidiu no valor deste documental, que lembra que "un pobo que aposta pola educación ten o seu futuro asegurado, xa que sairá sempre adiante. E unha terra que fai valer o legado dos seus devanceiros e non permite que se afunda no esquecemento faise merecedora de tal herdanza".

Coa participación do conselleiro no documental e na súa presentación, a Consellería de Educación demostra o seu apoio á conservación do patrimonio histórico educativo de Galicia, un valor que xa está a impulsar a través de iniciativas como a da rede galega de Institutos Históricos, dependente do MUPEGA, ao que este ano se incorporou o Eusebio da Guarda (A Coruña).

O legado da diáspora

O documental fai unha análise do patrimonio educativo galego, amosando a súa evolución desde as primeiras tendencias pedagóxicas de principios do século pasado, como legado froito da diáspora e a emigracións.

Neste sentido, a metraxe analiza os movementos migratorios galegos e a súa contribución á evolución do ensino e das institucións académicas en Galicia, Así, o documental fai un percorrido desde as escolas do primeiro terzo do século XX, pasando pola aparición das escolas públicas, os institutos provinciais – que hoxe forman parte da Rede de Institutos Históricos de Galicia- e das escolas de indianos e as sociedades de instrución favorecidas pola emigración.

Ademais do conselleiro de Educación, no documental participan voces autorizadas como a do secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, especialistas no ámbito da historia e a pedagoxía, como Vicente Peña, Antón Costa, Narciso de Gabriuel, Eugenio Otero, Raúl Soutelo, Domingo Lopo, Maria Luisa Pazos, Antonio Prado ou Emilio Castro.

Para a rodaxe gravouse en máis de 120 localizacións e percorréronse máis de 7.000 quilómetros entre escolar de indianos, sociedades de instrución e institucións académicas espalladas por Galicia, como os Institutos Históricos, O MUPEGA ou a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais realizáronse recreación con actores ambientados no funcionamento dunha escola no primeiro terzo do século XX.