A Xunta concede axudas para a realización da formación práctica en centros de traballo e en FP Dual a 1.171 alumnos

O obxectivo desta acción, é compensarlle parcialmente ao alumado os gastos derivados destas actividades

Dom, 25/10/2020 - 08:00

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se fai pública a resolución da convocatoria de axudas económicas para o alumnado que realiza neste ano 2020 formación práctica en centros de traballo, incluído o alumnado que cursa a modalidade de FP Dual, da que son beneficiarios un total de 1.171 alumnos.

O obxectivo desta liña de actuación é compensarlle ao alumnado parcialmente os gastos extraordinarios derivados da realización das devanditas actividades, que se desenvolven na empresa; ao tempo que se favorece a mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países, o que permite a mellora das competencias lingüísticas e profesionais.

Cómpre salientar a dificultade engadida que supón a crise sanitaria derivada da covid-19 para a realización de prácticas e actividade profesionalizadora en empresas, tendo en conta que os meses de marzo a xuño son nos que sempre hai máis alumnado realizando a FCT.. Neste sentido a Consellería quere resaltar o enorme esforzo realizado polos centros educativos para conseguir empresas para o seu alumnado, sobre todo naqueles sectores mais tocados por la pandemia. Do mesmo xeito, hai que destacar a gran implicación do empresariado galego facilitando o acceso do alumnado aos centros de traballo.

Neste momento, e ata o 14 de novembro de 2020, está aberto o segundo prazo para solicitar estas axudas, para o alumnado que realice a FCT no período de setembro-decembro de 2020 e que a remate antes do 31 de decembro de 2020.

Modalidades

A convocatoria establece dúas modalidades, una dirixida aos que realizan a formación dentro do territorio español e outra para os que a fan fóra do mesmo.

Na modalidade A, a contía da axuda depende de onde se realicen as prácticas. Así, o alumnado que realice a FCT ou a FP Dual dentro da súa comunidade autónoma recibe ata un máximo de 300 €, sempre que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo ou o de residencia do estudante durante ese período. No caso do alumnado que realizou a formación fóra da comunidade autónoma, percibirá unha cantidade fixa de 200€ aínda que realice a FCT ou a FP Dual en varios centros de traballo.

A contía a percibir polo alumnado estableceuse en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT ou, no caso da FP Dual, do número de xornadas de permanencia na empresa. Concedéronse en total 1.165 axudas nesta modalidade, 373 delas para FP Dual.

Na modalidade B a contía das axudas, as 6 restantes das concedidas, varía en función do país de destino. A axuda máxima nesta modalidade acadou os 1.680 euros.