A Consellería de Educación incorpora 84 novos centros ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

A axuda destinada aos centros ascende a máis de 1,6 millóns de euros

A convocatoria deste ano tivo un gran éxito, cun total de 225 solicitudes

As bibliotecas escolares constitúen un elemento estratéxico para a vida cultural e educativa dos centros de ensino

Dom, 18/09/2011 - 10:40

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de incorporar 84 novos centros educativos á rede de bibliotecas integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Este programa, que pretende impulsar a adaptación das bibliotecas dos centros públicos non universitarios ás necesidades xeradas pola actual sociedade da información, inclúe neste curso 2011/2012 un total de 449 centros de distintos niveis do ensino, repartidos por toda a xeografía galega.

Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, continúa un ano máis con esta iniciativa que persegue potenciar a función das bibliotecas escolares, apoiando os esforzos das comunidades educativas con asignacións destinadas á súa constante actualización e mellora. As axudas destinadas pola Consellería durante o próximo curso ascenden a máis de 1,5 millóns de euros ás bibliotecas escolares dos centros beneficiados polo PLAMBE.

Dos 84 novos centros educativos que se incorporan o vindeiro curso, 34 deles están en Pontevedra, 30 en Coruña, 12 en Lugo e 8 en Ourense. O PLAMBE incentiva a aqueles centros que se comprometen a renovar as súas bibliotecas e a utilizalas de forma eficiente para a mellora da calidade do ensino que ofrecen ao seu alumnado. Asígnanse, con esta finalidade, contías importantes, tanto para a renovación dos fondos da colección (contemplando o soporte impreso e o soporte dixital), como para a renovación de equipamento e mobiliario.

Numerosas solicitudes

O PLAMBE é unha iniciativa da Consellería que vén tendo unha gran aceptación por parte da comunidade escolar, desde os seus inicios, así este ano presentáronse 226 solicitudes de nova incorporación.

Esta acción está incluída no Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), que agrupa todas as iniciativas da consellería en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura, e que busca atender ás necesidades de todos centros públicos, cando menos no que se refire á actualización dos fondos da colección.

Neste sentido, quérese recoñecer os esforzos daqueles centros que non resultaron seleccionados na actual convocatoria do PLAMBE, pero que presentaron proxectos de renovación da súa biblioteca, asignando máis de 137.000 euros para apoiar o desenvolvemento das súas iniciativas. En conxunto, e a través destas últimas accións, asígnanse algo máis de 1,6 millóns de euros do que se benefician 591 centros de distintos niveis de ensino non universitario.

Elemento estratéxico

Os esforzos orzamentarios da Consellería súmanse ao empeño dos docentes por poñer en valor un recurso educativo de primeira orde. Unha biblioteca escolar actualizada e dinámica, garante que o alumnado do centro pode ter acceso directo a fontes informativas variadas. As bibliotecas que seguen o modelo impulsado desde as administracións educativas, facilitan a formación dos lectores, proporcionando materiais diversos que cubran os intereses de todos e que axuden aos nenos e nenas a medrar en contacto cos libros e a lectura.

Estes son espazos de convivencia, nos que ademais se aprender a escoitar, a expresar as propias opinións e respectar as dos outros, e no seu conxunto son elementos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino. Ademais constitúen un elemento destacado para a innovación pedagóxica que permite revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros, propiciando ao profesorado e ao alumnado o material necesario para a realización das actividades académicas.

As bibliotecas escolares galegas están a ser un referente no conxunto das comunidades autónomas e acadan o 30% dos premios outorgados a nivel nacional, como quedou demostrado na última convocatoria do Premio Nacional de boas prácticas na dinamización de bibliotecas de centros de ensino, do Ministerio de Educación, 2010, na que un centro galego recibiu o primeiro premio e outros sete tamén foron galardoadas. Todas estas se sumaron ás máis de 20 bibliotecas da Comunidade Autónoma que xa recibiran este galardón con anterioridade.

Outras actuacións

O Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares, contempla tamén outras actuacións como o programa “Hora de ler”, de fomento da lectura en centros educativos. Cómpre destacar que unha das iniciativas de maior calado, dentro deste programa, son os Clubs de lectura, existentes en máis de 200 centros de ensino secundario galegos. Arredor de 5.000 persoas: alumnado, profesorado, persoal non docente, pais e nais; participaron o curso pasado dunha iniciativa que está a poñer en valor o libro e a lectura e que reúne, en tempo non lectivo, a persoas que desexan compartir a súa experiencia lectora.

Dinámica de traballo

A Consellería procura, dentro das actuais circunstancias orzamentarias, continuar coa dinámica de traballo iniciada neste ámbito, ao entender que a maior presenza do libro e a lectura nos centros de ensino que se ten dado nos últimos anos ten influencia na adquisición de competencias básicas e no éxito escolar, xunto co fortalecemento dunha infraestrutura cultural básica como é a Rede de bibliotecas escolares. Serán tamén definitivos os esforzos realizados na formación do profesorado para que se incorporen novas metodoloxías en todo o relacionado coa formación dos novos lectores e lectoras. Un dos retos máis importantes de cara aos vindeiros anos é o de elevar os índices de excelencia reflectidos nos últimos estudos e probas de diagnóstico, esa porcentaxe de alumnado que acada os mellores resultados. Pois ben, as bibliotecas escolares como recurso, ou os clubs de lectura como actividade, son algúns dos instrumentos que, sen dúbida, poden axudar a conseguir ese obxectivo, sen esquecer o conxunto de retos que a actual situación social e educativa presenta.

Con esta actuación a Consellería segue a traballar pola constante mellora do sistema educativo dende a base, pois unha biblioteca escolar activa e renovada ofrece oportunidades excelentes para que alumnos e profesores poidan avanzar nos seus obxectivos académicos, ampliando os procesos de aprendizaxe ou ensino nos que se atopen inmersos.

Menús News node R