A Xunta demanda ao Estado fondos para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa ao longo de todo o curso escolar

O conselleiro demandou un sistema de datos comparados entre as comunidades autónomas, así como maior coordinación en aspectos comúns

Román Rodríguez salientou que Galicia aposta pola presencialidade nas aulas, o que supuxo a contratación de preto de 2.000 profesores a maiores

Os conselleiros de Educación e de Sanidade participaron na Conferencia Sectorial, en sesión conxunta co Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde

Xov, 24/09/2020 - 16:52

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron hoxe na Conferencia Sectorial de Educación, celebrada en sesión conxunta co Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. Neste marco, o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia demandou ao Goberno central máis fondos para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa ao longo de todo o curso escolar.

Román Rodríguez lembrou que os fondos comprometidos ata o momento polo Estado para educación, preto de 93M€, se corresponden co ano 2020. Tendo en conta que o curso escolar abrangue tamén máis da metade do ano 2021, o conselleiro cifrou en máis de 30M€ a cantidade adicional que o Goberno central deberá transferir a Galicia ata o remate de curso.

Na súa intervención na Conferencia Sectorial, expuxo as medidas adoptadas polo seu departamento para adaptar o curso ás novas necesidades derivadas da situación de pandemia. Neste sentido, destacou o sobresforzo orzamentario que supón a contratación, a maiores, de preto de 2.000 docentes –un incremento do 6,2% sobre a plantilla total de profesorado en Galicia– para dar resposta aos desdobres que foi preciso realizar nas aulas, así como para o reforzo educativo e para o incremento da oferta nalgúns niveis.

Esta medida, a principal de todas as postas en marcha pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento do curso coas máximas garantías de seguridade e calidade, é froito da aposta do Goberno galego pola presencialidade nas aulas, establecendo a semipresencialidade (optativa e previa autorización da Inspección educativa) só para as etapas de Bacharelato e FP.

Este incremento do profesorado require unha resposta deste o punto de vista de incremento do orzamento estatal que o Ministerio de Educación non pode obviar. A este respecto, o conselleiro reclamou tamén un sistema comparado de datos para todas as comunidades autónomas, que permita acadar unha visión máis ampla das medidas aplicadas en cada unha delas.

Así mesmo Román Rodríguez salientou, entre outras accións implementadas nas últimas semanas, a creación do Comité Educativo como máximo órgano asesor do Goberno galego neste eido no contexto da pandemia derivada da covid-19; así como a elaboración do Plan de Continxencia para a educación non presencial e semipresencial.

Normalidade dentro da excepcionalidade

O conselleiro explicou que o inicio do curso se está a desenvolver en Galicia con normalidade, dentro da excepcionalidade da situación. Isto foi posible grazas ao esforzo dos equipos dos centros educativos e da comunidade educativa no seu conxunto, que permitiu que os centros de ensino sexan espazos seguros con normas organizativas orientadas a reducir expansión da covid-19.

Por outra parte, sinalou que Galicia aposta pola flexibilidade normativa, fundamental para ir adaptando o curso, tanto a nivel programático e curricular como no de organización e medidas sanitarias, aos axustes que sexan necesarios en función da evolución da pandemia. En calquera caso, Román Rodríguez pediu unha maior coordinación en aspectos comúns que eviten solución dispares entre as comunidades autónomas e eviten un despilfarro de recursos e esforzos.

Finalmente o conselleiro solicitou ao Ministerio de Educación intermediación diante do Ministerio do Interior para o reforzo das medidas preventivas nas inmediacións dos centros escolares nos momentos de entrada e saída dos centros.