O Comité Educativo constitúese este luns con 35 membros como máximo órgano asesor da Xunta no eido docente ante a covid-19

Traballará de xeito coordinado co Comité Clínico e centrará a súa actividade, exclusivamente, nos aspectos relativos á adaptación do sistema educativo á situación de pandemia
A súa función será identificar medidas organizativas e de xestión que favorezan o ensino inclusivo e de calidade nos distintos escenarios epidemiolóxicos
Esta semana estarán xa traballando nos centros a meirande parte dos preto de 2.000 docentes contratados a maiores e o resto, vinculados ao programa de reforzo ARCO, incorporarase xa neste primeiro trimestre
Dom, 20/09/2020 - 13:50

O Comité Educativo, creado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como máximo órgano asesor do Goberno galego en materia educativa no contexto da pandemia da covid-19, constituirase este luns 21 de setembro por orde do Diario Oficial de Galicia (DOG). Este órgano manterá tamén este luns a súa primeira xuntanza, que o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidirá de xeito telemático.

O Comité centrará a súa actividade nos aspectos relativos á adaptación do sistema educativo á situación de pandemia derivada da covid-19, co fin de que estes retos e demandas sexan abordados con rigor científico e de maneira colexiada desde ópticas educativas complementarias e coordinadamente co traballo doutros comités científicos e autoridades sanitarias competentes, nomeadamente o Comité Clínico.

As súas funcións serán as de identificar e asesorar, desde a mellor evidencia científica dispoñible, medidas organizativas e de xestión educativa que favorezan o ensino inclusivo e de calidade nos distintos escenarios epidemiolóxicos posibles; así como propoñer e avaliar medidas educativas, organizativas e de xestión, que favorezan a mellor resposta posible desde criterios de inclusión, equidade e calidade, tendo en conta as particularidades e especificidades dos diferentes centros educativos.

Experiencia e base científica

Así mesmo, promoverá a redacción de informes, relatorios e estudos que aporten bases científicas sólidas para a mellora continua e adaptación ás circunstancias emerxentes da resposta educativa no marco da pandemia, tanto a curto como a medio e longo prazo. Neste sentido, poderá presentar, analizar e avaliar relatorios xurdidos no seu seo ou ben procedentes doutros grupos de traballo expertos pola súa delegación.

Coa posta en marcha deste Comité, cos protocolos de comedores escolares e para o alumnado con necesidades especiais xa aprobados polo Comité Clínico e co reforzo de preto de 2.000 profesores xa confirmado, a Xunta de Galicia ten practicamente implementadas as últimas medidas de adaptación do ensino á covid-19.

Neste sentido cómpre lembrar que esta semana estarán xa traballando nos centros a meirande parte dos preto de 2.000 docentes contratados a maiores e que o resto, un total de 543 profesores vinculados a ARCO, se incorporará xa neste primeiro trimestre, tan pronto se resolva a convocatoria deste programa de reforzo.

A maiores de todas as opcións que a Xunta ofreceu aos centros para facilitar o desenvolvemento da súa actividade, a contratación de máis profesorado é a principal medida impulsada desde o seu departamento e mostra do compromiso do Goberno galego coas necesidades dos centros neste momento.

Membros do Comité

O Comité Educativo, composto por 35 membros, será presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e reunirase coa periodicidade que a situación epidemiolóxica demande.

A Xunta de Galicia quere agradecer de antemán aos membros deste equipo de traballo multidisciplinar o seu compromiso co ensino nesta situación excepcional no que o contexto sanitaria impón a constante actualización de decisións e protocolos de actuación. Sacar adiante o curso 2020/2021 con éxito e seguridade sanitaria é un reto de país, no que todos os integrantes da comunidade educativa levan meses traballando, e para o que é necesaria a unión de forzas dos axentes implicados.

A maiores do conselleiro e os restantes representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (secretario xeral técnico, subdirectora xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do sistema educativo, subdirector xeral de Recursos Humanos, xefa de servizo encargada dos aspectos relativos á Organización Académica e Programas, xefes territoriais e inspectores xefes das catro provincias, xefa de servizo encargada da Protección de datos, unha persoa responsable de servizos educativos complementarios, o director do Centro Autonómico de Formación e Innovación, o xefe de área de solucións tecnolóxicas sectoriais de Amtega e unha persoa responsable da Secretaría do Comité), os membros do Comité Educativo de Persoas Expertas serán os seguintes:

En representación dos equipos directivos dos centros educativos formarán parte Manuel Portas (IES Xelmírez II, de Santiago), Marta Castro (CEIP Paradai, de Lugo), Alberto Silva (Centro de Educación Especial Duques de Lugo, de Santiago), Enrique Pazo (CIFP Ferrolterra, de Ferrol), Eva López Tarrío (IES Valadares, de Vigo), María Fernández (Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra), Valentín García (CPR María Inmaculada, de Verín) e Francisco Gago (Centro Público Integrado Plurilingüe Laureano Prieto, da Gudiña).

En representación dos departamentos de orientación participará Yolanda Barallobre (IES Poeta Díaz Castro), mentres que Mª Victoria Fernández Mosquera representará os Equipos de Orientación Específicos (forma parte do EOE da Coruña); e Manuel Peralbo (Universidade da Coruña) será a persoa especialista no ámbito da psicoloxía educativa.

As catro persoas coa condición de persoal sanitario especializado son Juan Gestal (catedrático de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela), Luis Sánchez (pediatra no Centro de Saúde de Vite -Val do Dubra-, en Santiago), Pedro Rascado Sedes (especialista de UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) e Jorge Aboal Viñas (director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde).

Pedro Armas será o representante da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), e Xosé Viñas (IES David Buján, de Cambre) e Mª Jesús Casado (IES Daviña Rey, de Monforte de Lemos) serán os dous docentes especialistas en prácticas de innovación educativa, educación virtual e uso de recursos dixitais.

O Comité Educativo complétase con tres persoas de recoñecido prestixio: Ubaldo Rueda (exdirector do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela), Ángel Carracedo (catedrático de Medicina Legal da USC) e Vicente Docasar (catedrático de Francés no IES Daviña Rey Monforte e exvoceiro de Educación no Parlamento de Galicia polo PSdG).