Román Rodríguez asegura que a volta ás aulas é un reto de país que require da cooperación e unidade de acción do conxunto da comunidade educativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade reuniuse cos xefes territoriais e os inspectores xefes de Educación das catro provincias

Subliña que a máxima prioridade da Xunta é que os centros sexan lugares seguros e avoga por actuar de xeito coordinado e responsable con todos os axentes para acadar este obxectivo

Comprométese coas familias, cos equipos directivos e os docentes, a traballar arreo para protexer os piares do sistema educativo galego como son a calidade, a equidade e a igualdade de oportunidades

Tamén anunciou que o Protocolo de inicio de curso é un documento inicial de traballo, que vai ser obxecto de melloras e concrecións, tal e como demandan os centros

Mar, 08/09/2020 - 00:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, cualifica de “reto de país” a volta ás aulas a partir deste xoves, o que require dun esforzo de colaboración por parte do conxunto da comunidade educativa e, especialmente, das administracións.

Así o sinalou esta mañá, ao comezo dunha reunión de traballo cos xefes territoriais e os inspectores xefes de Educación das catro provincias, no que foi a súa primeira toma de contacto co sector educativo tras asumir a carteira de Educación do Goberno galego.

O conselleiro fixo un chamamento expreso á “unidade e cooperación” por parte de todos os axentes implicados, desde as familias ata o profesorado, as organizacións sindicais, as administracións e os xestores dos servizos complementarios, no obxectivo compartido de que o curso comece con todas as garantías de seguridade. “A máxima prioridade é que os centros sexan lugares seguros”, subliñou o conselleiro, que avoga por traballar dun xeito “racional, participativo, coordinado e responsable” para un retorno ás aulas na mellor situación posible.

Así mesmo avanzou que o actual Protocolo é un punto de partida inicial sobre o que se vai traballar a partir de agora para implementar melloras no documento e concretar algúns dos aspectos nel recollidos, como están pedindo os centros.

Recoñecemento a equipos directivos e profesorado

Nesta primeira intervención como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez aproveitou para recoñecer publicamente a implicación dos equipos directivos e do conxunto do profesorado que levan traballando “de xeito comprometido e contra reloxo, debido ao retraso do Ministerio en fixar xunto coas CCAA as liñas mestras do Protocolo”, durante todo o verán, e especialmente nestas últimas semanas, para afrontar o inicio de curso coa máxima normalidade posible. Tamén lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias como peza fundamental do sistema, e que desde a Consellería vai acompañar en todo este proceso desde a máxima responsabilidade e compromiso.

Román Rodríguez comprometeuse a estar “a altura das circunstancias” nun escenario difícil, onde “o risco cero non existe” e que obriga a traballar arreo para protexer “os piares do noso sistema educativo, que son a calidade, a equidade e a igualdade de oportunidades”.