O conselleiro de Educación inaugura o curso escolar de infantil e primaria no CPI Terras de Maside, en Ourense
Xesús Vázquez Abad recordou que hoxe comezan as clases máis de 198.000 estudantes na comunidade
A Consellería investiu preto de 500.000 euros na construción dun novo espazo do centro e na mellora das instalacións eléctricas
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o curso escolar no CPI Terras de Maside no que comezaron as aulas 240 estudantes de primaria e infantil dos máis de 198.000 que empezaron en toda Galicia.
Na xornada de hoxe, que estivo marcada pola normalidade, 66.771 alumnas e alumnos de infantil comezan as clases, do mesmo xeito que o fixeron 132.140 da etapa educativa correspondente con primaria, en máis de 1.000 centros. Os mestres de todos eles comezan a aplicar desde hoxe a reordenación horaria que lles permitira dar 60.000 horas lectivas máis cada semana para a mellora da calidade educativa.
Cómpre sinalar que este é o curso no que se consolidan os proxectos educativos desenvolvidos por esta Administración como o proxecto Abalar que chegará a 33.000 estudantes de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO. Así como o plan de potenciación de linguas estranxeiras que beneficia a preto de 41.000 alumnas e alumnos a través dos 110 centros plurilingües e 1.863 seccións bilingües. Asemade impúlsanse os contratos programas que teñen como obxectivo lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolvendo o máximo posible as súas capacidades, na busca da excelencia e contribuíndo á mellora da calidade no sistema educativo.
Na súa intervención, Vázquez Abad reafirmou o traballo dos docentes diante da comunidade educativa do centro ourensán e dixo que “o meu agradecemento pola súa implicación e polo seu interese constante e responsable a prol dunha mellor formación do alumnado. A ninguén se lle debe escapar que os ensinantes dedican todos os seus esforzos á formación das xeracións máis novas, construíndo deste xeito os piares para o desenvolvemento da sociedade”.
Novas instalacións
Tras o acto de inauguración o conselleiro percorreu as instalación do centro, acompañado polo director do centro, Luís Veloso Rodríguez; así como o equipo docente do colexio; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.
Así, Vázquez Abad deu conta do resultado das importantes obras de mellora realizadas no centro educativo, que tiveron un custe de preto de medio millón de euros,e das que se beneficiarán os máis de 230 estudantes. A obra xirou en torno á construción dun bloque rectangular na zona traseira do edificio central que xa existe. Ambos espazos quedarán unidos por unha pasarela pechada acristalada, co fin de que os usuarios transiten por ela sen verse interrompidos polas circunstancias climatolóxicas.
Deste xeito os escolares teñen a súa disposición unha nova edificación de dúas alturas. Un espazo da planta baixa, que quedará como un porche cuberto, e que será dedicado á zona de xogos. Pola súa banda o andar superior dividiuse en seis aulas para os estudantes de Infantil e de 1º, 2º e 3º de Primaria, ademais de outra aula adicional. Finalmente no edificio central, xa existente, habilitouse unha nova aula para as alumnas e alumnos de 4º de Primaria.
Apoios ao ensino
Ademais das novas instalación os escolares terán esta curso un novo auxiliar de conversa, e seccións bilingües da que se beneficián escolares de 3º e 4º de Primaria. Ademais o colexio ten un profesor de apoio dentro do Plan PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apio), e a súa biblioteca escolar recibiu preto de 15.000 euros para a mellora deste espazo.
Asemade o conselleiro recordou que a Consellería ven de traballar a prol da calidade educativa, unha calidade que, tal e como destacou, é posible grazas á profesionalidade do conxunto dos docentes do ensino público galego, sen os cales non sería posible formar dun xeito adecuado as vindeiras xeracións.
Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (1ª parte)
Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad (2ª parte)