A Consellería de Educación participa na actividade de formación internacional “Construción ecolóxica na Formación Profesional” celebrada no CIFP de Someso

O evento de carácter internacional conta coa presenza de profesionais, empresas e entidades de toda Europa

A bioconstrución é unha nova forma de entender a construción respectuosa coa vida e co medio ambiente

Lun, 12/09/2011 - 12:12

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, que asistiu en nome do conselleiro, Xesús Vázquez Abad, participa na inauguración da actividade de formación internacional “Construción Ecolóxica na Formación Profesional”.

O evento celebrado e organizado polo CIFP Someso, reúne a expertos e empresas de renome internacional en materia de bioconstrución. A actividade conta coa presenza de 10 profesores do propio centro, 4 da Universidade da Coruña, 5 invitados especializados en construción ecolóxica ademais de 10 profesionais de Alemaña e Letonia.

Durante a inauguración, Mira Lema, eloxiou os esforzos do CIFP Someso, ademais de salientar a labor da Consellería pola mellora continua da FP galega “temos feito unha forte aposta pola FP, unha educación orientada á práctica. Como vostedes saben, require unha permanente revisión de coñecementos, aprendizaxe das últimas tecnoloxías e o interese científico polos descubrimentos e debates”. Ademais disto, sinalou que “a FP é unha alternativa inmellorable para encontrar emprego e loitar contra o abandono escolar. Flexibilizala permite ampliar o acceso aos ciclos formativos  e ao mesmo tempo fai máis permeable a fronteira entre Universidades e FP, posibilitando como sucede hoxe aquí, o transvase de coñecementos e prácticas entre ambas”

Participantes no encontro

Ademais tamén participaron as seguintes empresas e entidades de renome pertencentes ao eido da bioconstrución, ecoloxía, formación e novas tecnoloxías vinculadas ao sector da construción. A Asociación Tríada, entidade que planea a construción en Galicia de equipamento educativo e demostrativo de eido da bioconstrución. O Centro Superior de Técnicas da Construción “Knobelsdorff Schule”, escola alemana de FP especial interese e recoñecemento en materia de internacionalización da bioconstrución. A ufaFabrik Berlin, centro cultural berlinés de renome polos seus programas de acción que combinan cultura, economía e vida comunitaria con multitude de tecnoloxías ecolóxicas demostrativas.

O VHS Centro de Educación de Brandemburgo e Berlín GmbH, Eberswalde, o cal é unha escola privada de FP de oficios de construción especializada en tecnoloxías de obra ecolóxica. A Escola de Formación Profesional Ergli de Letonia, especializada en construción con madeira. A Universidade Técnica de Berlín que dende hai décadas colabora na implantación e monitorización de sistemas de aforro de enerxía e auga Stroh Unlimited, gabinete de arquitectura berlinés. A FASBA (Asociación Profesional da Construción con Balas de Palla de Alemaña).

Bioconstrución e ecoloxía

A bioconstrución é unha nova forma de entender a construción respectuosa coa vida e co medio ambiente, unha forma de traballar na cal os principais obxectivos son a ecoloxía e o respecto pola saúde.

Conseguir os obxectivos anteriormente descritos esixe un estudo profundo de todos os procesos construtivos, dende a elección do lugar, ata o deseño arquitectónico, pasando polos procedementos de obra, a biocompatibilidade dos materias así coma o seu ciclo de vida, salubridade, necesidades enerxéticas e destino final dos diferentes elementos que forman parte da construción.

Ante a situación de crise actual faise necesaria unha profunda reflexión sobre o modelo construtivo así coma os seus procesos asociados, para adaptar as estruturas e xerar progreso sexan as consecuencias ocasionadas no pasado.

Ao longo da xuntanza trataranse diversos temas relacionados tales coma: cimentacións, estruturas portantes de madeira, pontes térmicas, teitos verdes, revocados de arxila e morteiros de cal, organización do traballa e proxectos participativos, deseño de casas de palla de baixo consumo e control de calidade das construcións.

Obxectivos

Ampliar o contacto e a colaboración das escolas de FP galegas co contorno europeo para facilitar a mobilidade do profesorado, do alumnado e o intercambio de coñecementos cara a futuros proxectos de I+D+I.

Afianzar a integración da bioconstrución, a eficiencia enerxética e a economía de recursos no sector da construción a través da formación de vangarda. Contribuír á mellora e valorización da FP mediante a súa internacionalización, apertura á sociedade e o achegamento a novos mercados.

Preparar a construción en Someso dun laboratorio bioclimático como recurso didáctico e de investigación, coa finalidade de desenvolver e innovar no eido das alternativas construtivas sostibles. A FP galega debe colaborar con outros axentes sociais para promover procesos de concienciación e execución de proxectos de obras reais.

Proxección de futuro

A bioconstrución constitúe un sector punteiro con gran proxección de futuro, por tanto consolidar unha Rede Internacional de Formación en Bioconstrución faise necesario. Galicia debe estar integrada nesta futura rede de referencia mundial, con tres liñas de actuación prioritarias, a formación (a nivel teórico e práctico), a investigación (I+D+I) e a mobilidade de profesores e alumnos. Nos próximos anos a FP galega aspira a ser un modelo de referencia a nivel internacional, dando os pasos necesarios para a acadar a oficialización da bioconstrución no marco das ensinanzas de FP.

O CIFP Someso supón un referente a nivel internacional en materia de bioconstrución, como o confirman os seus máis de 10 anos de experiencia na celebración de xornadas de bioconstrución. A súa integración no Campus de Excelencia Internacional supón o recoñecemento explícito por parte da universidade pola súa traxectoria en formación en bioconstrución. Ademais do recoñecemento que isto supón, tamén significa a súa entrada en proxectos de colaboración e I+D+I, obtención de fondos de financiamento europeos, divulgación de actividades a gran escala e actuacións conxuntas con empresas, universidades e organizacións internacionais.

Esta iniciativa amosa a forte aposta que dende a Consellería de Educación se fai pola FP galega dende os inicios da lexislatura e de xeito constante. A internacionalización e colaboración dos centros de formación galegos con entidades e empresas doutros países contribúen a mellora da calidade da ensinanza outorgando prestixio e proxección de futuro aos alumnos e profesionais do sistema de ensino público galego.