Educación adapta o ciclo medio de FP en carpintaría e moble ás innovacións no sector

Quen curse estas ensinanzas adquirirá as competencias para dar resposta ás necesidades de internacionalización das empresas

Xov, 08/09/2011 - 18:33

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adaptou os currículos do ciclo medio de formación profesional en carpintaría e moble co fin de formar profesionais cualificados para dar resposta ás novas demandas dos sectores produtivos de Galicia, e adaptalos á Lei das cualificacións profesionais e á Lei orgánica de educación (LOE).

Así, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a este novo currículo, co que se computan un total de 40 adaptados no que vai de lexislatura, no marco da estratexia de impulso da FP como unha porta de acceso ao emprego que está a desenvolver o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad.

Novas competencias

As ensinanzas impartidas neste ciclo dan resposta ás novas necesidades do sector da madeira e o moble, cada vez máis orientadas á internacionalización dos seus produtos. Neste sentido, están a demandar profesionais capaces de traballar cos novos materiais e tecnoloxías, as exixencias normativas en relación á calidade e os protocolos de protección ambiental. Así, o perfil profesional deste título evoluciona cara a un incremento na toma de decisións sobre o control de procesos de produción cada vez máis automatizados, así como na realización de funcións de planificación, mantemento, calidade e prevención de riscos laborais na pequena empresa.

Os titulados neste ciclo poderán desenvolver a súa actividade profesional nas industrias dedicadas á fabricación e á montaxe de moblaxe e elementos de carpintaría, e na aplicación de produtos de acabamento, e postos de traballo como operador de máquinas fixas para fabricar produtos de madeira, de prensas, operador armador en banco, montador ensamblador de elementos de carpintaría, vernizador lacador ou responsable de sección de acabamentos.

Formación en centros de traballo

O devandito currículo, ao igual que os resto dos adaptados pola Consellería de Educación, inclúe un módulo de formación en centros de traballo co cal os estudantes completarán a formación adquirida no centro educativo mediante a realización de prácticas en situacións reais de traballo no ámbito produtivo da empresa, de acordo coas exixencias derivadas do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional.

Deste xeito foméntase o acceso do alumnado ao mundo laboral, tal e como demostran os altos niveis de empregabilidade destas ensinanzas. De feito, segundo os últimos estudos ao respecto, o 88,8% dos titulados que realizaron formación en centros de traballo atopou o seu primeiro emprego en menos de 6 meses, o que confirma a FP como un sistema de oportunidades nestes tempos de crise económica.

Ademais, e co fin de favorecer a mobilidade entre estudos, neste currículo establécese a correspondencia dos módulos profesionais coas unidades de competencia para a súa acreditación, validación ou exención, así como os accesos a outros estudos, as validacións, exencións e equivalencias.