Carmen Pomar subliña que as garantías sanitarias son a prioridade da Xunta para un inicio de curso seguro e dentro da máxima normalidade posible

A conselleira visitou o CEIP Santomé (Cambados), onde o equipo directivo ultima a organización das aulas de acordo coas indicacións recollidas no Protocolo elaborado por Educación e Sanidade

Xov, 13/08/2020 - 13:28
tome

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, subliña que o seu departamento está traballando para un inicio de curso seguro, con todas as garantías sanitarias e dentro da máxima normalidade posible dentro do contexto actual da Covid-19. Neste senso, a conselleira fixo fincapé na necesidade de ir vendo a evolución día a día, así como atender ás decisións das autoridades sanitarias.

Así o expresou a conselleira esta mañá, durante unha visita ás instalacións do CEIP San Tomé de Cambados, onde puido comprobar in situ o plan organizativo que está levando a cabo o equipo directivo deste colexio de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade.

Precisamente a conselleira lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

Así mesmo, Pomar anunciou que como medida de reforzo de espazos e persoal docente, o sistema público galego contará con 158 unidades (grupos de clase) máis nas etapas de Infantil, Primaria e ESO, así como con 240 novos mestres que se incorporarán a partir de setembro. Precisamente unha desas unidades novas que se habilitan será para o CEIP San Tomé, que o vindeiro curso pasará a ter unha aula e máis en 3º curso de Primaria.

A conselleira insistiu en lanzar unha mensaxe de tranquilidade, ao tempo que loou a implicación dos equipos directivos no deseño da organización a nivel de centros, como o está a facer o CEIP Santo Tomé, que conta cun plan de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.

Novo comedor

Por outra banda, Carmen Pomar sinalou que se van levar a cabo as obras para o novo comedor deste centro cambadés, unha vez que, nos próximos días, se formalice a sinatura do acordo co Concello . O investimento ascenderá a 120.000 euros que serán asumidos a partes iguais polas administracións autonómica e local.