Educación convoca os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2019/20

Poderán acadar este recoñecemento un total de 20 alumnas e alumnos cunha nota media mínima na etapa de 9 puntos

Ven, 24/07/2020 - 10:33

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2019/2020. Poderán acadar estes galardóns un total de 20 alumnas e alumnos que cursasen este pasado ano académico o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivesen no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a 9 puntos.

A contía de cada premio ascende a 750 €. Ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de premios, bolsas ou axudas concedidos por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismos internacionais.

A finalidade destes galardóns é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Proba

O alumnado que solicite estes premios debe realizar unha proba que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que se desenvolverá de forma simultánea nas distintas sedes. Para poder aspirar ao premio, deberanse obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias obxecto da proba.

O exame estrutúrase en dúas partes. A primeira delas está composta por diversas cuestións referidas ás seguintes materias de 4º curso Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, e Primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua galega e literatura, que queda exento da realización da correspondente parte da proba.

Na segunda parte o alumnado debe dar resposta a diversas cuestións teóricas e prácticas, de tres materias do currículo tamén de 4º curso, en concreto Xeografía e historia, unha materia xeral do bloque de materias troncais (Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas ou Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas) e unha materia a escoller de entre as de opción do bloque de materias troncais cursadas (Bioloxía e xeoloxía, ou Economía, ou Física e química, ou Latín, ou Ciencias aplicadas á actividade profesional, ou Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, ou Tecnoloxía.

Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 27 de xullo e o 21 de agosto. Subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os representantes legais das persoas solicitantes.

A presentación será, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.gal/premiosedu, desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.