Educación e universidades acordan establecer un marco de colaboración para traballar no impulso das competencias dixitais

A conselleira Carmen Pomar reuniuse hoxe cos reitores

Apóstase por unir esforzos a prol da incorporación de novas metodoloxías de ensino no Sistema Universitario Galego, compatibles coas clases presenciais

Xov, 28/05/2020 - 17:23
A conselleira Carmen Pomar reuniuse hoxe cos reitores

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, mantivo hoxe unha xuntanza cos reitores das universidades galegas, Antonio López (USC), Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo) na que acordaron establecer un marco de colaboración para traballar no impulso das competencias dixitais no Sistema Universitario Galego (SUG).

A análise da proposta coas achegas das universidades ao plan de impulso da docencia mixta deseñado pola Xunta puxo de manifesto que se comparten obxectivos e eixes de acción, como situar o alumnado como centro das medidas, organizar a actividade docente en tres posibles escenarios (presencial, semipresencial e a distancia) e potenciar tanto a avaliación continua como a formación en competencias dixitais.

Trátase así de, sen minguar as fortalezas do sistema presencial no ensino universitario público de Galicia, avanzar na mellora da docencia a distancia e na consolidación das ferramentas creadas con motivo da suspensión da actividade educativa presencial. Xunta e Universidades coincidiron na necesidade de unir esforzos neste obxectivo, ofrecéndolles aos centros a posibilidade de adaptarse ás novas metodoloxías de ensino.

Na xuntanza,  Carmen Pomar tamén informou do desenvolvemento da Conferencia General de Política Universitaria de onte, na que se anunciou que as CCAA disporán de financiamento, a través dos do fondos europeos, para a renovación pedagóxica e tecnolóxica.