O Ministerio de Universidades confirma que Galicia é a CCAA coas taxas de matrícula máis baixas do Estado, polo que xa cumple coas novas esixencias para o vindeiro curso

A conselleira Carmen Pomar participou na Conferencia Sectorial de Política Universitaria, onde expuxo que o Goberno galego xa leva unha década adiantándose á proposta de contención de taxas de matrícula universitaria que agora quere aplicar o Goberno do Estado

Sinalou que, nun novo paso para axudar á economía familiar, o próximo ano baixarán os prezos dos máster universitarios ata equiparalos cos de grao

Mér, 27/05/2020 - 19:00
O Ministerio de Universidades confirma que Galicia é a CCAA coas taxas de matrícula máis baixas do Estado, polo que xa cumple co
O Ministerio de Universidades confirma que Galicia é a CCAA coas taxas de matrícula máis baixas do Estado, polo que xa cumple coas novas esixencias para o vindeiro curso

O Ministerio de Universidades acaba de ratificar que no período 2011-2019 Galicia é a comunidade autónoma cos prezos públicos universitarios máis baixos do Estado, e incluso moi por debaixo da media do conxunto de España, polo que xa cumpre, desde hai dez anos, coas novas esixencias que desde o Goberno Central se van decretar para o conxunto das CCAA para o vindeiro curso universitario.

Así se pon de manifesto no documento coa proposta de prezos públicos para os estudos oficiais de Grao para o curso 2020/21 elaborado polo Ministerio e que hoxe foi debatido na Conferencia Sectorial de Política Universitaria, presidida polo ministro de Universidades, Manuel Castells. No decurso da xuntanza, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sinalou que Galicia leva unha década adiantándose a esta proposta do Ministerio, con prezos de primeira matrícula de grao conxelados e moi por debaixo da media do Estado, e que así seguirán para o vindeiro curso, tal e como ratificou o Consello da Xunta da semana pasada.

Precisamente a proposta do Ministerio toma como referencia o prezo medio de Grao en España no curso 2011/12, que é de 16,05 euros/crédito, cando o prezo das taxas de matrícula de grao nas tres universidades galegas sitúase en 11,89 euros/crédito (exactamente a mesma cantidade que se pagaba no curso 11/12 e que se vai pagar no 20/21), é dicir, 4 euros por debaixo do que establece o Goberno central. Deste xeito, Galicia adiántase ás decisións do Goberno central, mentres que outras comunidades terán que facer un elevado esforzo para cumprir cos requisitos nos vindeiros anos.

Segundo a conselleira, esta política de contención sempre tivo un obxectivo marcado, que era minorar o esforzo económico das familias e garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores. Nesta mesma liña se manifestou o ministro Manuel Castells, quen anunciou que se transferirán fondos ás CCAA para que asuman o financiamento das universidades e reducir así o gasto das familias.

No caso de Galicia, cómpre subliñar que ademais de manter conxelados os prezos das matrículas de grao e dos máster habilitantes (os que son necesarios para exercer unha profesión), de cara ao vindeiro curso, a Consellería de Educación dá un novo paso baixando tamén as matrículas dos máster non habilitante (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica), ata equiparalos aos prezos de grao universitario.

Renovación pedagóxica e tecnolóxica

Por outra banda, Manuel Castells incidiu na necesidade de que as universidades se adapten ás condicións nas que terá que discorrer o vindeiro curso e sinalou como prioridade a renovación pedagóxica e tecnolóxica, para o que tamén dotarán de financiamento ás CCAA a través de fondos europeos. A conselleira apuntou que Galicia tamén ten como primeiro obxectivo o impulso de novas metodoloxías de ensino no sistema público universitario, en liña co manifestado polo ministro.