Educación aborda cos sindicatos o protocolo para a reanudación das clases presenciais, de xeito voluntario, para o alumnado de 2º de bacharelato e de formación profesional

O documento amplía e reforza as medidas incluídas nas recomendacións dos Ministerios de Educación e Sanidade, para garantir a seguridade de toda a comunidade educativa
O protocolo será sometido o venres ao Comité de Prevención de Riscos Laborais
Mér, 20/05/2020 - 17:30

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, presidiu hoxe a xuntanza cos sindicatos do ensino non universitario nunha mesa sectorial convocada para analizar o borrador de resolución da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019/2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso, e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da Consellería.

O documento -que será sometido o venres ao Comité de Prevención de Riscos Laborais- recolle especificamente as medidas de prevención e hixiene a implantar ante a reanudación da actividade lectiva presencial de xeito voluntario para o alumnado de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de graos medios e superiores de Formación Profesional, -prevista a partir do vindeiro luns 25 se se confirma a entrada de Galicia en Fase II do Plan de desescalada do Goberno central-, de xeito que o retorno ás aulas se realice con toda a seguridade sanitaria para a comunidade educativa.

Así, debúllanse as medidas de prevención e protección precisas tendo en conta as especificidades do sistema educativo, de xeito que se amplían e reforzan as recomendacións dos Ministerios de Sanidad e de Educación y Formación Profesional.

A Consellería de Educación defendeu sempre a posibilidade de retomar as clases presenciais, sempre que a situación sanitaria o permitise, dándolle prioridade ao 2º curso de Bacharelato, cuxo alumnado debe presentarse ás probas de acceso á universidade no mes de xullo. O Goberno central, no seu Plan para a desescalada contempla a volta ás aulas voluntaria deste estudantado e o propio Ministerio de Educación recomendou a reapertura dos centros educativos para os cursos que titulan e pechan etapa, co acordo maioritario das comunidades autónomas.

No caso de Bacharelato (uns 14.800 alumnos de 2º curso en 278 centros), o profesorado impartirá as clases de modo presencial no horario habitual. En caso de que o número de alumnos asistentes non permita manter as distancias de seguridade establecida nun mínimo de 2 metros, e sexa preciso realizar desdobres, requirirase a presenza do profesorado do departamento que ditamine a dirección do centro.

No caso do alumnado de Formación Profesional (con arredor de 22.700 alumnos matriculados en 224 centros que imparten FP), haberá un horario para a atención presencial do alumnado que non accedeu á FCT (Formación en Centros de Traballo) e dos que se atopan no derradeiro curso de FP Dual. Para o alumnado de réxime presencial de adultos, a dirección do centro determinará o profesorado que deberá impartir as clases presenciais en función do alumnado que acuda aos módulos.

Ademais, a actividade presencial da aula  para os segundos cursos de Bacharelato e de FP poderá ser retransmitida por medios telemáticos para o alumnado que non acude ao centro.

O profesorado do resto dos cursos que non se incorporan de forma presencial (isto é, para todos agás 2º de Bacharelato e de FP), deberá continuar coa docencia telemática aínda que a atención ao alumnado poderán realizala desde o seu domicilio ou desde o propio centro educativo. Con todo, o centro educativo poderá requirir o seu retorno presencial para atender necesidades específicas, para actividades de avaliación, reunións, sinaturas de actas ou outras actividades de carácter académico ou administrativo.

Dotación de material de protección

A Consellería de Educación encargarase do aprovisionamento de elementos de sinalización e das máscaras de protección, que deberán usar tanto o profesorado como o alumnado cando non se poidan manter as distancias de seguridade. O resto do material (xel hidroalcohólico, dispensadores, luvas, papeleiras de pedal, impresión de carteis...) adquirirao o centro.

No que atinxe ás medidas de hixiene e limpeza nos centros educativos, vaise facer unha limpeza e desinfección das instalacións polo menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso; e prestarase especial atención ás zonas uso común e ás superficies de contacto máis frecuente como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, colgadores, e outros elementos de similares características.

Ademais, colocarase un dispensador de xel desinfectante en todas as aulas, cuxo uso deberá reforzarse co lavado exhaustivo a base de auga e xabón. No caso de baños e aseos, a limpeza será de tres veces ao día como mínimo.

Medidas a tomar diante de síntomas

O protocolo tamén inclúe a folla de ruta a aplicar ante a aparición de síntomas nun alumno presente nun centro educativo. En caso de que iso sucedese, a primeira medida será illar a persoa nun espazo separado e facilitarlle unha máscara cirúrxica ata que cheguen os seus proxenitores ou titores. O espazo xa debe estar previamente identificado, e ten que contar con ventilación axeitada e unha papeleira de pedal con bolsa onde tirar a máscara e panos desbotables.

No caso dos traballadores do centro, seguirase o mesmo proceso e será o propio afectado o que contacte directamente co seu centro de saúde, co Servizo de Prevención de Riscos laborais ou co teléfono habilitado a tal fin, e seguirá as indicacións que lle marquen os sanitarios.

Recollida de material nos centros e devolución dos libros prestados

Desde o momento en que se levanten as restricións de movemento, coincidente coa entrada en vigor da Fase II de desescalada decretada polo Goberno do Estado, os centros poderán permitir a entrada dos proxenitores para a recollida de material dos seus fillos, cun plan organizativo de quendas e horarios a fin de evitar agrupacións de persoas.

Os centros tamén establecerán un plan para a devolución e recollida de libros de texto do presente curso 2019-20, aínda que a data máxima para facelo será o día 7 de xullo, agás para o alumnado de ESO que teña algunha materia pendente, que poderá quedar co libro correspondente ata que se examine e, como máximo ata o 7 de setembro.

Oferta de emprego docente

A Mesa Sectorial volverase reunir a vindeira semana para abordar os puntos da orde do día que non puideron analizarse hoxe, como os pasos dados pola Consellería diante do Ministerio de Educación para solicitar o cambio normativo que permita acumular as prazas da oferta de emprego docente de 2020 coa de 2021, tal e como solicitaban os propios sindicatos e que foi acordado na última mesa sectorial.