O Ministerio de Universidades propón como prezo máximo da primeira matrícula de grao o do curso 2011/2012, que Galicia xa leva aplicando nove anos

Foi a medida presentada na Conferencia General de Política Universitaria

A conselleira recordoulle ao ministro que Galicia ten os prezos públicos conxelados precisamente desde ese curso académico, dado que a Xunta decidiu facer un esforzo a prol das familias do alumnado

Xov, 07/05/2020 - 16:02

O Ministerio de Universidades propuxo hoxe na Conferencia General de Política Universitaria fixar como prezo máxima da primeira matrícula de grao o do curso 2011/2012, que Galicia xa leva aplicando nove anos. Así llo sinalou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, ao ministro de Universidades, Manuel Castells, xa que os prezos públicos de matrícula universitaria levan conxelados precisamente desde ese mesmo ano académico.

Neste sentido, diante da eventual posta en marcha de compensacións, tal e como reclamaron outras Comunidades Autónomas, Carmen Pomar esixiu que se teña en conta o esforzo orzamentario realizado por Galicia nestes 9 anos a prol do aforro das familias do alumnado. A Xunta non está de acordo en que Comunidades que tiñan ata o momento prezos máis altos reciban compensacións por rebaixalos de cara ao vindeiro curso, mentres que Administracións como o galega, que levan case unha década apostando pola contención, non vexan compensado este traballo.

En calquera caso, o Ministerio comprometeuse a enviar por escrito a próxima semana a proposta de fixación de prezos máximos de primeira matrícula de grao (de momento non se referiu a segundas matrículas ou a titulacións de máster), co fin de que as CCAA amosen ou non a súa conformidade e fagan as pertinentes alegacións ao respecto. Segundo indicou o ministro, está previsto volver a tratar este asunto nunha nova Conferencia General de Política Universitaria dentro de dúas semanas.

Bolsas

Do mesmo xeito, Carmen Pomar volveu urxir a Castells á fixación dos criterios para as bolsas do vindeiro curso, que deberán ter en conta as situacións persoais do alumnado derivada da crise do Covid-19 (perda de ingresos, enfermidade dun familiar, etc), así como os novos prazos de matrícula.

Cómpre sinalar que a Consellería está preparada xa para reforzar, se fose necesario, as bolsas existentes para estudantes que sufran causas imprevistas (como por exemplo o falecemento da persoa que sustente a familia economicamente, ou a perda do emprego), cuxo prazo de solicitude está aberto ao longo de todo o ano académico. Así mesmo, esta liña de axudas podería ampliarse para o próximo curso, se as circunstancias o requirisen.

Declaracións da conselleira

Declaracións da conselleira