O premio dos Clubs de Lectura 2020 da Consellería de Educación é para a autora Andrea Maceiras
Foi a autora máis lida neste grupos durante o curso 2018/2019, conforme ás bases do premio
Coincidindo co Día Mundial do Libro, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2020 a Andrea Maceiras, por ser a autora máis lida no pasado curso 2018/2019 nestes grupos. A relación de autores máis lidos pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1305.
O obxectivo do galardón, creado no ano 2015, é recoñecer o labor das autoras e dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura. Nas anteriores edicións recibiron o galardón Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018) e María Reimóndez (2019). O premio só pode recibirse unha vez, co fin de ampliar o recoñecemento ao maior número de creadores posible, sempre en función das lecturas realizadas polos clubs no ano precedente.
Nada na Coruña en 1987, Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica. Compaxina o seu labor como escritora coa docencia en Secundaria. É autora das novelas Proxecto Bolboreta (2007, obra gañadora do I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior), Violeta Tamurana (2010, 4º Premio Meiga Moira e finalista do Premio da Edición 2010 e do Premio Frei Martín Sarmiento 2011), O segredo do lagarto arnal (2012), Nubes de evolución (2013, finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia 2011 e gañadora do Premio Fervenzas Literarias, 2014), Miña querida Sherezade (2014), Volverás, golfiño (2014, finalista do Premio Merlín, 2013), Europa Express (2015, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil), O que sei do silencio (2018, finalista do Premio Raíña Lupa) e Conta nove estrelas (2019, Premio Lazarillo 2018).
Espazos de convivencia e educación cidadá
Os clubs de lectura son grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas das que forman parte, espazos de convivencia e de educación cidadá que contribúen á adquisición de competencias clave, especialmente as do ámbito da comunicación e da información, así como á incorporación á lectura dixital e ao uso das novas tecnoloxías da comunicación e da información.
Anualmente a Consellería de Educación publica unha convocatoria para contribuír a financiar estes grupos. Ao abeiro dela, neste curso 2019/2020 funcionan clubs de lectura, co apoio da consellería, en 247 centros de ensino secundario e postobrigatorio. Unha boa parte destes clubs (o 87% do total) acolle varios grupos de lectura, dependendo do nivel de estudos, os intereses dos lectores ou as temáticas de lectura. Cómpre salientar que as reunións dos grupos de lectura realízanse fóra dos horarios lectivos (tempos de lecer ou horario extraescolar). Neste curso participan directamente desta iniciativa algo máis de 13.000 lectores e lectoras, entre profesorado, alumnado e familias. De feito, un 44% destes clubs integran un grupo de lectura de adultos, do que forman parte profesorado, persoal non docente e nais/pais da comunidade educativa; mesmo existen grupos mixtos nos que participan lectores adultos xunto cos mozos e mozas.