Educación comezará a aboar o martes as axudas de comedor escolar para o período no que estean suspendidas as clases presenciais
Beneficiaranse un total de 30.159 alumnas e alumnos que teñen bolsa de comedor gratuíta ou semigratuíta que pagan 1 euro ao dia
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional comezará a pagar este martes 14 de abril (só unha semana despois de rematar o prazo de solicitude) as axudas de carácter directo a través das cales aboará os menús dos comedores escolares xestionados pola Administración ás familias con menos recursos mentres estean suspendidas as clases presenciais.
En total beneficiaranse un total de 30.159 alumnas e alumnos de 22.532 familias de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO, que representan un importe total de 991.397,50 euros. Esta contía, que se comezará a aboar a partir deste martes, cubre o correspondente aos días lectivos desde a suspensión das clases presenciais ata o día 12 de abril. En calquera caso a vixencia das axudas ampliarase ata o 26 de abril, polo que máis adiante farase un segundo pago correspondente ao período restante.
Cómpre lembrar que a Consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola Consellería. No caso dos usuarios de comedor gratuítos a Consellería aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos recibirán 1,5 euros/día durante os días lectivos que dure o estado de alarma.
Polo tanto, neste primeiro pago correspondente a 14 días lectivos o importe das axudas vai dende os 35 euros para as familias con 1 un fillo aos 175 para as familias con 4 fillos con gratuidade total. No caso de familias con 2 fillos a contía chega a 70 euros ou 105 no caso de tres fillos. Existen casos de contías inferiores a 35 euros nos casos de alumnado gratuíto ou semigratuíto de secundaria que tan só come un día a semana no centro educativo.