A Consellería de Educación e a CIUG acordan que a convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia será o 7, 8 e 9 de xullo

Lun, 30/03/2020 - 17:42
Reunión por videoconferencia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG)acordaron hoxe fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. Trátase das datas nas que estaba prevista –con anterioridade á crise sanitaria– a proba extraordinaria en Galicia.

Deste xeito, cúmprese co prazo establecido a semana pasada en conferencia  sectorial para facer estas probas, que quedara fixado entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os resultados ata o 17 de xullo. No caso da proba extraordinaria, as partes acordaron agardar para a súa fixación, tendo en conta que –segundo o proposto polo Ministerio na conferencia sectorial – debería celebrarse antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes.

A conselleira reiterou a necesidade de que as probas deste ano garantan de forma especial a igualdade de oportunidades e a equidade no acceso á Universidade. Neste sentido, trasladou aos representantes da CIUG que na conferencia sectorial o Ministerio propuxo un modelo de exame similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e cunha maior opcionalidade. O obxectivo é garantir que o alumnado poida acadar a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non ter recibido algún dos contidos previstos.

Tanto a Consellería como a CIUG coincidiron en que un modelo de exame como o que estaba previsto contribúe a dar tranquilidade ás familias e, sobre todo, ao alumnado, que vén traballando sobre un determinado tipo de exercicios para preparar as probas.