A Consellería de Educación integra 77 novos centros no proxecto Abalar para o 2011/2012

Estes centros uniranse aos preto de 300 que xa comezaron o ano pasado e que o vindeiro ano académico duplicarán a súa oferta Abalar

A Consellería traballa nos centros xa adscritos mellorando a electrónica de rede para instalar os equipos nos novos cursos

Dom, 31/07/2011 - 09:44
A Consellería de Educación integra 77 novos centros no proxecto Abalar
A Consellería de Educación integra 77 novos centros no proxecto Abalar para o 2011/2012

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria integrará no vindeiro curso a un total de 77 novos centros educativos no marco do proxecto Abalar, 37 máis dos inicialmente previstos para este ano. Culmínase deste xeito a convocatoria realizada por resolución do 15 de abril deste ano, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 27, a que se presentaron dentro de prazo 180 solicitudes.

Deste xeito continúase a incrementar o número de colexios beneficiados polo proxecto Abalar, que chegará a máis de 31.500 alumnas e alumnos o vindeiro curso escolar. Ao longo desta semana publicarase a listaxe definitiva dos novos centros adscritos á rede Abalar.

Melloras na rede

Actualmente a Consellería atópase traballando na electrónica de rede dos preto de 300 centros que iniciaron a súa andaina o curso pasado, xa que incrementará a súa oferta. Estes colexios, manterán o Abalar nos cursos de 5º de primaria e 1º da ESO, e estenderán o proxecto aos cursos de 6º de primaria e 2º da  ESO.

O proxecto Abalar dota de equipamento e infraestruturas aos centros de educación, e insta á participación do conxunto da poboación galega nas novas tecnoloxías. Facilita as relacións entre os membros da comunidade escolar, mediante o Espazo Abalar, plataforma web destinada para fomentar a interactividade e seguimento académico do alumnado a profesores e familias.

Adaptación dos centros

A Consellería segue a apoiar o salto tecnolóxico e cualitativo do ensino galego, continuando coa transformación do sistema educativo tradicional nun novo modelo de centros educativos plenamente dixitalizados.  Estes cambios responden á necesidade de adaptación a nova realidade 2.0, buscando a  mellora da ensinanza nas aulas mediante o uso das novas tecnoloxías e a plena alfabetización dixital dos alumnos e profesorado.

Cómpre recordar que ademais de dotar de medios aos centros, a clave do sistema educativo galego segue a ser a profesionalidade dos mestres, que se esforzan diariamente  na correcta formación do alumnado, coa fin de lograr a excelencia no sistema educativo galego.