Carmen Pomar salienta a calidade da formación dos centros galegos de FP de Hostalaría
A conselleira de Educación participou na entrega de premios do XXI Certame de Cociña e Coctalería José Rodríguez-Moldes Rey, do IES Fraga do Eume
Destacou a importancia da colaboración coas empresas para impulsar a innovación e a empregabilidade
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega de premios do XXI Certame de Cociña e Coctalería José Rodríguez-Moldes Rey, do IES Fraga do Eume, un concurso que homenaxea ao profesor do centro que lle dá nome, xa falecido.
Durante a súa intervención a conselleira sinalou este certame como “unha referencia obrigada para os Centros de Hostalaría de Galicia”, que “ pon en valor o traballo excepcional que se leva a cabo nos nosos centros, onde se imparte unha formación de calidade que entre todas e todos traballamos para mellorar”. “Os restauradores que saen dos nosos centros educativos son recoñecidos e solicitados dentro e fóra das nosas fronteiras”, destacou, facendo fincapé na importancia da colaboración con empresas e entidades empresariais, “aproveitando sinerxías para desenvolver proxectos de innovación que desembocan nunha mellora na calidade da formación e na empregabilidade e inserción laboral do alumnado”.
Carmen Pomar valorou tamén a participación neste certame de centros de hostalaría de toda Galicia e norte de Portugal, “coa que se afonda na capacidade de desenvolver proxectos compartidos”; e felicitou o IES Fraga do Eume “polo seu interese por estimular iniciativas como esta, onde os alumnos poden amosar a súa creatividade e os coñecementos adquiridos na súa etapa de formación”.
Na edición deste ano, o alumnado de cociña debeu preparar croquetas de xamón (prato tradicional) e outro con ás de polo como ingrediente principal (prato creativo). No caso da coctelaría, as persoas participantes prepararon un cóctel (receta clásico) e un combinado utilizando Pisco Barsol, de uva Quebranta e zume de laranxa (modalidade creativa).
No concurso participaron alumnas e alumnos de toda Galicia, tanto do propio IES como do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), do CPR Belarmino Fernández Iglesias (Sober), do IES de Foz (Foz), do IES Sanxillao (Lugo), do IES Vilamarín (Ourense), do CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), do CIFP Manuel Antonio (Vigo), do CIFP Compostela (Santiago de Compostela), e da Escola de Especialidades Fundamentais da Estación Naval da Graña (Ferrol). Así mesmo, tomaron parte estudantes de Portugal, en concreto da Escola de Hotelaría e Turismo do Douro, da EHT de Coímbra, e da EHT de Viana do Castelo.
Dende hai anos celébrase tamén un concurso de creación de carteis anunciadores do evento, no cal se convida a participar aos centros con ensinanzas de artes gráficas e artísticas. O gañador deste ano foi Jonathan Nogueira Aragunde do IES Leixa.
Un centro de referencia
O IES Fraga do Eume é un referente na impartición das familias de Hostalaría e turismo e Industrias alimentarias, dos que oferta sete ciclos diferentes nos réximes ordinario e modular para adultos.
O centro forma parte, ademais, da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría de Galicia, un espazo para a innovación e o intercambio de experiencias que favorece o impulso dun sector clave para a economía de Galicia. A Rede busca, neste sentido, dotar o sector de capital humano cualificado, como estratexia para acadar o liderado nacional e internacional.
A Rede integra os oito centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional desta especialidade formativa, en concreto os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago de Compostela), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); ademais dos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz (Foz), Sanxillao (Lugo), e de Vilamarín (Vilamarín)
O traballo da Rede busca un maior achegamento da formación e unha maior transferencia de coñecemento desde o centro á empresa, o que redundará nunha mellor resposta ás demandas do sector; impulsar os proxectos de innovación e o intercambios de experiencias empresariais e profesionais.