Representantes de 8 Comunidades Autónomas afondan en Santiago sobre a aplicación do programa Educación Responsable

Trátase dun proxecto de aplicación didáctica de recursos de educación emocional, social e creativa dirixida a alumnado de entre 3 e 16 anos, que en Galicia chega a 8.800 escolares e uns 700 docentes

Xov, 05/03/2020 - 16:45
Representantes de 8 Comunidades Autónomas afondan en Santiago sobre a aplicación do programa Educación Responsable

Os coordinadores do programa Educación Responsable de 8 comunidades autónomas, entre elas Galicia, reúnense estes días en Santiago de Compostela para afondar na implantación desta acción educativa de desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade impulsada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración coa Fundación Botín.

Deste xeito, entre hoxe e mañá os asistentes -coordinadores do programa nas distintas CCAA- compartirán experiencias sobre o desenvolvemento e debaterán propostas de mellora desta iniciativa.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, achegouse ao encontro para saudar aos asistentes a quen agradeceu a colaboración e coordinación mutua que están levando a cabo nun programa que axuda ao alumnado “a tomar decisións, a enfrontar obstáculos e a ser resiliente”. Pomar subliñou que no actual panorama onde a esixencia de coñecementos e destrezas está en permanente cambio, é necesario facilitarlles aos rapaces ferramentas que lles permitan desenvolver habilidades como “a flexibilidade, a capacidade de comunicación ou a creatividade”.

Galicia incorporouse por primeira vez a Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, no curso 2014-15 coa participación inicial de 7 centros educativos; e no actual curso escolar son xa 52 os centros participantes (18 deles de nova incorporación este ano).

Por tanto, a día de hoxe o programa chega a 8.800 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, educación secundaria obrigatoria (ESO) e formación profesional básica (FP básica) e a arredor de 700 profesores formados ou en formación.

Esta iniciativa consiste en incorporar á aula -traballando nas distintas áreas curriculares- unha serie de recursos de educación emocional, social e creativa co obxectivo de promover o desenvolvemento saudable do alumnado, a partir do traballo co profesorado, co alumnado e coas familias; e contribuír á mellora do clima de convivencia no centro docente e ao éxito escolar.

Ademais de Galicia, forman parte deste proxecto as CCAA de Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Valencia e Aragón; e outros países coma Uruguai, Chile e México.