O CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas recibe o recoñecemento de UNICEF como centro referente en educación en dereitos de infancia e cidadanía global

A conselleira de Educación asistiu a este acto

Trátase do único colexio galego nesta rede de 109 centros en toda España

Lun, 02/03/2020 - 17:32
O CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas recibe o recoñecemento de UNICEF como centro referente en educación en dereitos de infancia e cidadanía global

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe no acto de recoñecemento ao CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas como Centro Referente en Educación en Dereitos de Infancia e Cidadanía Global, outorgado por UNICEF. Este é o primeiro colexio galego nesta rede, do total de 109 centros recoñecidos en toda España. No acto participaron tamén a presidenta de UNICEF Galicia, Myriam Garabito; o director do centro, Paulo Nogueira, e alumnado do CEIP.

Tal e como explicou a conselleira, é un “un orgullo que UNICEF recoñeza un colexio galego como Centro Referente na promoción de todos estes principios, dereitos e garantías. Sodes un exemplo e un espello no que mirarnos”. Neste sentido explicou que “a educación en valores que fomenten a solidariedade, a cooperación e o recoñecemento das diferenzas como unha oportunidade é unha das nosas liñas prioritarias como Consellería, dado que estes valores son indispensables para construír unha escola inclusiva”. “Inciden tamén –dixo–  na mellora da convivencia escolar, outro dos nosos eixos estratéxicos de actuación”.

Pomar sinalou que desde o ensino primario se traballan estas áreas, tanto de forma transversal a través do currículo educativo, como de iniciativas específicas como son os contratos-programa. De feito, este curso incluíronse tres liñas centradas nestes aspectos, como son IGUÁLA-T (que desenvolve accións que interveñen no fomento da coeducación e promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes), CON-VIVE (para o fomento dun bo clima de convivencia nas aulas), e INCLÚE-T (con medidas que fomentan a inclusión no centro). Estas tres liñas son traballadas polo CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas, que desenvolve todas as liñas dos contratos-programa que se corresponden co seu nivel educativo.

Neste sentido, Carmen Pomar quixo agradecer o traballo de toda a comunidade educativa deste centro, que fai del un referente. Non en balde, ademais de ser plurilingüe, o colexio meañés participa no Plan Proxecta, no proxecto E-Dixgal e no programa piloto Bibliotecas Lía.2, a través do que este espazo se converte nun laboratorio de aprendizaxes. “Parabéns e moitísimas grazas polo voso traballo, que pon de manifesto que o ensino público de calidade no rural é unha realidade en Galicia”, dixo.

Colaboración con UNICEF

A Consellería de Educación mantén un convenio de colaboración con UNICEF para o desenvolvemento de accións conxuntas no eido educativo a prol da promoción e a difusión  dos dereitos de infancia e cidadanía global. A través del facilítase o acceso dos centros de ensino aos recursos educativos e metodoloxía de autoavaliación en Educación en Dereitos de Infancia dispoñible na web de UNICEF Comité Español.

Ademais, UNICEF pon a disposición dos centros educativos os materiais de autoavaliación institucional sobre dereitos de infancia e cidadanía global e lanza cada curso unha convocatoria para recoñecer centros de ensino como referentes en Educación en Dereitos de Infancia, convocatoria dentro da que foi recoñecido o CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas.