O conselleiro de Educación visita as instalacións do IES de Ponteareas que pertence ao Proxecto Abalar

O vindeiro curso os alumnos de 1º e 2º da ESO deste instituto terán cadanseu ordenador ultraportátil para o seu uso na aula, no marco deste proxecto

Xesús Vázquez Abad tratou co alcalde as melloras no CEIP Feliciano Barrera e na escola unitaria de Ribadetea

Mér, 27/07/2011 - 11:46
O conselleiro de Educación visita as instalacións do IES de Ponteareas que perte
O conselleiro de Educación visita as instalacións do IES de Ponteareas que pertence ao Proxecto Abalar

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, percorreu esta mañá as instalacións do IES de Ponteareas, en dito concello pontevedrés. Durante o percorrido estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, polo xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez; polo alcalde, Salvador González Solla, e membros da corporación municipal; pola directora do centro, María Paz Rodríguez; e polo presidente da Asociación de Nais e Pais do instituto, Daniel Abril.

Vázquez Abad aproveitou ademais a súa visita a Ponteareas para tratar co alcalde as melloras no CEIP Feliciano Barrera e na escola unitaria de Ribadetea.

Proxecto Abalar

Ao longo da visita o conselleiro recordou que o vindeiro curso o instituto terá implantado o Proxecto Abalar nas aulas de 1º e 2º da ESO, o que supón que as alumnas e alumnos destes cursos contarán con cadanseu ordenador ultraportátil para o seu uso na aula. Este centro implantou o ABALAR o pasado curso en 1º da ESO, o que implicou o investimento de 40.500 euros.

Neste punto Vázquez Abad destacou as múltiples oportunidades que o Proxecto Abalar e o seu portal web, espazo Abalar, ofrecen para a activa participación das familias na educación dos seus fillos, así como para a intercomunicación do profesorado coas nais e pais. Ademais, recordou o importante esforzo que supón poñer en marcha un proxecto tan ambicioso como o Abalar, co que a Consellería impulsa a integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no sistema educativo.

Asemade o conselleiro recordou que “o vindeiro curso 2011/2012 máis de 31.500 alumnas e alumnos de 5º e 6º de  primaria e de 1º e 2º da ESO terán cadanseu ordenador ultraportátil, o que supón multiplicar máis que por dous os 14.500 do primeiro ano de implantación do ABALAR nos centros educativos galegos."

A prol da calidade educativa

Con esta visita o conselleiro volveu a dar conta do seu interese polo estado dos centros educativos de cara ao novo curso escolar, e reafirma o seu compromiso coa comunidade educativa e a ANPA deste centro, no que  están matriculadas 242 alumnas e alumnos. Neste sentido, ademais do Abalar, Vázquez Abad salientou que a Consellería está a impulsar diferentes actividades de fomento de lectura neste instituto, a través de achegas para a mellora dos fondos e recursos da súa biblioteca.

Doutra banda o conselleiro lembrou que o departamento que dirixe sigue a apostar pola educación de calidade, unha tarefa para a que conta coa inestimable axuda dos docentes, aos que o conselleiro fixo referencia na xornada de hoxe ao sinalar que “a súa profesionalidade e a clave para ter a seguridade de que as novas xeracións reciben a mellor formación”.

Neste senso cómpre recordar que a consellería desenvolve medidas, dentro da xornada laboral dos profesores de 37,5 horas, nas que da conta da súa aposta pola mellora da calidade educativa en Galicia. Así o vindeiro ano os docentes poderán ocupar máis tempo do seu horario de traballo a actividades lectivas encamiñadas á consecución da excelencia, sen ver por outra parte incrementado o número de horas laborais á semana.