Carmen Pomar visita o CEIP Otero Valcárcel de Carral, onde Educación investiu 714.000 € nas obras de rehabilitación integral

A actuación beneficia a preto de 460 alumnas e alumnos, que verán mellorado o seu confort no centro

Lun, 20/01/2020 - 13:08
Carmen Pomar visita o CEIP Otero Valcárcel de Carral, onde Educación investiu 714.000 €  nas obras de rehabilitación integral

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral) para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral deste centro, nas que a Consellería investiu 714.000 euros. Grazas a esta actuación, preto de 460 alumnas e alumnos verán mellorado o seu confort nas instalacións deste centro.

Segundo puido comprobar a titular de Educación, os traballos están practicamente concluídos e tan só quedan algúns remates desta obra que se incluíu o ano pasado no Plan de Infraestruturas Educativas 2016-2021 con cargo ao superávit de 2018. Grazas a esta actuación,

A rehabilitación integral acometida no centro supuxo actuacións en materias de eficiencia enerxética (sistema illante de envolvente continua polo exterior da fachada mediante sistema SATE, cambio de fiestras e persianas e luminarias), que combinadas supoñen un aforro do 52,80% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 62,60% en emisións de CO2.

Así mesmo levouse a cabo o esmaltado das carpinterías interiores e radiadores do centro, o pulido do pavimento de terrazo, a reparación e pintado de paramentos interiores en base ao Estudo cromático para Centros de Educación Infantil e Primaria da consellería e a colocación de novo falso teito en varias estancias das plantas baixa e primeira.

A mellora supuxo tamén a creación dun Espazo Maker no corredor central da primeira planta. Os Espazos Maker son zonas específicas dentro dos centros escolares dotadas cos medios tecnolóxicos necesarios para que o alumnado poida materializar a súa creatividade a través de proxectos propios de experimentación, isto é, aprender facendo.

Neste senso, a conselleira Carmen Pomar salientou que este espazo permitirá afianzar o proxecto educativo do centro, que lle presta especial atención ao eido das tecnoloxías. De feito o CEIP Otero Valcárcel participa en programa impulsados pola Consellería como a Robótica para Primaria ou o Club de Ciencia e este mesmo curso incorporou o Edixgal (libro dixital) para o alumnado de 5º de Educación Primaria. Así mesmo tamén participa noutros programas como o Refórza-T (de Reforzo, Orientación e Apoio) e o Plambe (de mellora de bibliotecas escolares) grazas ao apoio da Consellería de Educación.