Educación adxudica polo procedemento de emerxencia as obras de substitución da cuberta do IES Castro de Baronceli (Verín)

O temporal Elsa causou o levantamento total do tellado

Durante a execución dos traballos a actividade lectiva concentrarase nas aulas de planta baixa para evitar molestias aos estudantes

Lun, 23/12/2019 - 15:07

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de adxudicar polo procedemento de emerxencia as obras de substitución da cuberta do IES Castro de Baronceli (Verín). Cómpre lembrar que o temporal Elsa causou o levantamento total do tellado.

O pasado venres a Consellería, logo de comprometerse a realizar os traballos máis inmediatos de prevención de entrada de chuvia no centro, convidou a 4 empresas con domicilio social en Ourense á realización destas obras, cun prazo de presentación de propostas que remataba hoxe ás 12 horas. Os traballos foron adxudicados á empresa Vipeca, Obras Y Servicios S.L., por importe de 252.471 euros, por ter presentado o orzamento máis completo e un menor prazo de execución.

As obras comezarán hoxe mesmo coa retirada de parte dos restos de cuberta exterior e, a partir desta semana, comezarán as tarefas previas de albanelería e acondicionamento dos soportes da cuberta, que permitirán a montaxe da estrutura metálica composta por correas e soportes tubulares de aceiro galvanizado sobre as que se aparafusarán paneis tipo sandwich. A intervención incluirá tamén a instalación dun canlón perimetral e a renovación das baixantes de fachada. Así mesmo, renovaranse os paneis de falso teito afectados polas filtracións de chuvia e substituiranse as luminarias que resultaron danadas pola entrada de auga.

As actuacións iniciaranse pola cuberta da parte sur cunha previsión de finalización do tellado o luns 13 de xaneiro. A continuación proseguirase pola parte norte, onde está situada a Dirección e a sala de profesores, cunha previsión de remate o 27 de xaneiro.

Durante a execución dos traballos a actividade lectiva concentrarase nas aulas de planta baixa para evitar molestias aos estudantes.