A Consellería presenta á cidadanía galega un novo portal web de Formación Profesional

Con esta ferramenta Educación dá un novo impulso en torno á FP, e a través da mesma os usuarios teñen a súa disposición unha nova vía de comunicación cos centros que imparten estas ensinanzas

Asemade os usuarios terán un acceso máis rápido a todos os contidos relativos a estes estudos

Sáb, 23/07/2011 - 09:26

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fai público o novo portal web de Formación Profesional co obxectivo de ofrecer un mellor servizo ao conxunto da cidadanía galega. O novo espazo permite unha visualización áxil de todo aquilo relacionado coas ensinanzas de FP e programas de cualificación profesional inicial (PCPI), mellorando a usabilidade con novas funcionalidades específicas.

O portal ofrece novidades tanto na forma, coa utilización de mapas interactivos que permiten a visualización dos centros e ensinanzas educativas ofertadas, conectividade coas redes sociais, abrindo unha nova vía de comunicación e o uso de galerías de tipo multimedia. Deste xeito posibilitan o achegamento en imaxes das competicións e tarefas desenvoltas polos alumnos, favorecendo a divulgación e dando a coñecer as actividades que se realizan desde os centros de FP.

Ademais dáse tamén un impulso aos contidos, con espazos de xestión de calidade e impulso do espírito emprendedor (`eduemprende´ campionatos de FP ´GaliciaSkills´ e ´Spainskills´, plans de formación do profesorado, orientación profesional, rede de centros integrados e difusión de programas internacionais). Con esta iniciativa preténdese achegar a FP ao modelo produtivo e dar unha maior importancia ás empresas.

A finalidade deste esforzo é lograr unha web actual, dinámica e en contacto coa cidadanía, aproveitando os novos recursos comunicativos que ofrece a rede coa finalidade de integrar o sistema educativo e ao conxunto dos galegos na nova realidade 2.0.

Fácil acceso á información

Deste xeito, a través desta ferramenta, os interesados poden coñecer todo o relativo á FP, tanto de carácter xeral coma específica. Entre os aspectos máis importantes que se poden consultar destacan: a oferta de ensinanzas formativas en calquera réxime, currículos, procedementos de admisión, convocatorias de probas de acceso, obtención de carnés profesionais, validacións e equivalencias entre ensinanzas, así como a relación entre FP de grao superior e estudos universitarios.

Este portal é unha nova demostración do traballo que esta a desenvolver desde a Consellería, neste caso en torno á Formación Profesional. Este novo acceso non só beneficiará a todas as galegas e galegos, senón que pasa a ser un novo punto de información para os profesionais da educación, permitíndolles un acceso máis rápido á información que precisan para desenvolver o seu labor educativo. Neste punto a Consellería destaca a profesionalidade e bo facer do profesorado e o seu constante interese a prol da Educación, que é clave na formación dos estudantes galegos.