O convenio entre a Consellería de Educación e a ONCE beneficiou a 360 alumnas e alumnos no curso 2010/2011

O obxectivo é o establecemento medidas de atención a discapacitados visuais

Xov, 21/07/2011 - 13:00
O convenio entre a Consellería de Educación e a ONCE
O convenio entre a Consellería de Educación e a ONCE beneficiou a 360 alumnas e alumnos no curso 2010/2011

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), mantiveron unha reunión de seguimento do convenio de cooperación educativa para o establecemento de medidas encamiñadas á atención ás persoas discapacitadas visuais. Na reunión, celebrada na Consellería de Educación, valoráronse os enormes beneficios que, para o alumnado con necesidades educativas especiais froito da discapacidade visual, se derivan da colaboración entre a Administración Educativa e a ONCE, entidade especializada na atención ás persoas con cegueira ou con deficiencia visual.

Froito deste convenio foi posible atender ao longo do curso 2010/2011, tanto nos centros educativos ordinarios como nos da propia ONCE, un total de 360 alumnas e alumnos con discapacidade visual. Para iso a Consellería de Educación aporta aos equipos mixtos creados nas sedes da ONCE de Coruña e Pontevedra seis persoas do corpo de mestres, e a ONCE, 14 persoas do corpo de mestres, 7 traballadoras sociais, 3 psicólogos, 1 pedagoga, 4 técnicos de rehabilitación, 4 instrutores tiflotécnicos,  2 animadores socioculturais, 1 coordinador deportivo, 2 especialistas en núcleos periféricos, 2 especialistas en emprego, 1 especialista de música, 1 especialista en xordocegueira e 1 mestre destinado á investigación e formación.

A colaboración é o camiño

Os resultados do desenvolvemento do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e a ONCE poñen de manifesto, unha vez máis, que a educación non é responsabilidade nin patrimonio exclusivo da escola nin da administración educativa. Tampouco é exclusividade da familia nin da sociedade. É o traballo conxunto e coordinado deses sectores onde está a clave do éxito escolar e o do desenvolvemento persoal e social de toda persoa. E é así como ten sentido pleno a inclusión e a igualdade.

Coa colaboración entre familia, escola e sociedade establécense vínculos de confianza e convivencia entre todas e todos, entón é posible facer realidade os principios educativos e os valores dunha sociedade democrática,solidaria, participativa, tolerante e xusta.

Sendo, pois, a educación unha tarefa de todas e todos, toma plena actualidade que a Consellería de Educación inclúa no proxecto de decreto de atención á diversidade, no que está a traballar, todo un capítulo dedicado á participación e coordinación, como manifestación da importancia da colaboración entre os diferentes organismos, institucións e servizos implicados na atención á diversidade do alumnado.