O conselleiro de Educación asiste á clausura do II Congreso Internacional sobre Proteómica ‘ICAP’
O evento contou coa participación de 260 investigadores de todo o mundo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu á clausura do II Congreso Internacional de Proteómica Analítica, II ICAP 2011, no Balneario de Laias Caldaria de Cenlle.
O evento, de carácter internacional, contou con 260 asistentes dun total de 35 países e máis de 15 empresas do sector, estivo organizado pola Asociación Científica ProteoMass e a revista Journal of Integrated OMICS (JIOMICS), co apoio decidido da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo-Campus Ourense.
O congreso contou cunha excelente acollida por parte da comunidade científica internacional. Os asistentes analizaron os últimos avances en proténomica - estudo a gran escala da estrutura e función das proteínas -, disciplina fundamental para o avance no coñecemento e tratamento de moitas enfermidades.
Coa celebración deste tipo de iniciativas preténdese favorecer a cooperación internacional en materia científica, facilitar o intercambio de coñecementos e o establecemento de vínculos entre investigadores e centros, ademais de implicar ás universidades galegas no escenario científico internacional.