Carmen Pomar sinala como retos da investigación universitaria o posicionamento e captación de proxectos europeos e a transferencia de coñecemento á industria galega

A conselleira participou na apertura da segunda edición do Programa formativo en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI)

Ven, 08/11/2019 - 13:53
Carmen Pomar sinala como retos da investigación universitaria o posicionamento e captación de proxectos europeos e a transferencia de coñecemento á industria galega

A mellora do posicionamento, o impulso na captación de proxectos europeos para o Sistema Universitario Galego (SUG) e a implementación de procesos que axuden a detectar e avaliar tecnoloxías ou investigacións que poidan ter unha transferencia directa para a industria galega son -en palabras da Carmen Pomar- algúns dos principais retos de futuro da investigación universitaria galega.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional inaugurou esta mañá a segunda edición do Programa formativo en xestión estratéxica de centros e unidades de investigación de excelencia (GESCI), un curso de formación específica tanto en xestión estratéxica como en xestión operativa (GOSCI) dirixida a directores e investigadores dos Centros de Investigación e das Agrupacións Estratéxicas de Galicia.

Carmen Pomar sinalou que a día de hoxe as grandes estruturas de investigación de Galicia acadaron un nivel de madurez e de prestixio que agora require de avanzar un chanzo no eido da excelencia. Con este fin, a Consellería de Educación lanzou este ano unha convocatoria de axudas dotada con 20 millóns de euros, para os axentes de investigación universitaria máis punteiro de Galicia que inclúe a integración dos Centros Singulares e as Agrupacións Estratéxicas nunha única escala de Centros de Investigación que redundará nunha estrutura de I+D+i máis forte e competitiva a nivel estatal e europeo.

Impulsado en colaboración con FEUGA, este Programa formativo -que é único en todo o Estado- ten como obxectivo fortalecer a capacidade de liderado e de xestión dos centros de investigación galegos para adaptarse en contornas complexas, cambiantes e moi competitivas. “O noso ambicioso obxectivo é que os centros galegos obteñan maiores cotas de financiamento, que capten e reteñan máis talento investigador, que poidan transferir as tecnoloxías e coñecementos que desenvolven ás administracións e empresas do país e, en definitiva, que vaian acadando o lugar que lles corresponde no panorama nacional e internacional”, abondou a conselleira.

Ademais da conselleira, nesta sesión inaugural da segunda edición do Programa, participa como ponente o investigador xaponés Toshiyasu Ichioka, director do RIKEN Europe Office, e un dos investigadores actuais máis relevante.