A aposta pola escola inclusiva será o eixe do curso 2019-20 en Galicia

Activarase a nova estratexia de inclusión EduInclusión 2020-2025, cunha actualización da normativa, máis formación para persoal docente e non docente e maior colaboración con centros, familias e entidades

Os programas xa consolidados a prol dun ensino plurilingüe e tecnolóxico seguen a medrar, así como os que impulsan as competencias lectoras

Mar, 22/10/2019 - 19:22
A aposta pola escola inclusiva será o eixe do curso 2019-20 en Galicia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, incidiu hoxe no Parlamento de Galicia na aposta do seu departamento pola atención á diversidade e a escola inclusiva. Na súa intervención para dar conta do inicio de curso no ensino non universitario, Pomar avanzou a activación da estratexia de inclusión “EduInclusión 2020-2025”.

Esta nova estratexia, que se suma ás xa consolidadas EduDixital, EduLingüe e EduConvives, representa a posta en marcha de diversas medidas, como a actualización da normativa referida á atención á diversidade, o impulso á escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en escolarización combinada e o pulo á especialización dos centros de educación especial.

Tamén se desenvolverá un plan formativo para as persoas especialistas na atención á diversidade, dirixido especialmente ao colectivo de coidadores, e se reforzará a cultura inclusiva a través de accións de colaboración entre a Xunta, os centros, as familias e as entidades que traballan no ámbito da atención á diversidade.

Nesta liña, a conselleira referiuse tamén ao Premio ás boas prácticas inclusivas, convocado como experiencia piloto este ano e que, ante a boa resposta dos centros, con 74 candidaturas, se consolidará con edicións anuais a partir de 2020.

Carmen Pomar sinalou o sistema educativo galego como o máis inclusivo de España. Segundo a última estatística do Ministerio, Galicia ten a maior porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios, o 92,7%. A isto contribúe, en palabras da titular de Educación, o incremento do número de profesionais dedicados á atención diversidade, que pasou en dez anos de pouco máis de 2.700 a máis de 3.500. Na dotación deste persoal, “a administración educativa está en permanente contacto cos centros de ensino para coñecer e darlles resposta ás necesidades puntuais”, resaltou.

Por outra banda, neste curso a Consellería está a incorporar un segundo orientador nos vinte centros con maior número de alumnado, xa que “a orientación é inherente á propia educación”. Cómpre salientar que, ademais de contribuír á formación integral do alumnado, estes profesionais desenvolven un papel fundamental na detección de necesidades especiais.

A conselleira avanzou tamén que o seu departamento traballa nun Plan de choque contra o acoso escolar, que incluirá formación específica de profesorado en educación emocional e convivencia, e a oferta aos centros de programas orientados á prevención da violencia e á mellora da convivencia escolar. A isto súmase a incorporación aos contratos-programa de dúas novas liñas centradas nesta materia, denominadas CON-VIVE e INCLÚE-T.

Ensino máis plurilingüe e tecnolóxico

Por outra banda, Carmen Pomar fixo un repaso polos avances na implantación dos programas educativos a prol dun ensino plurilingüe e tecnolóxico, que chegan cada ano a máis alumnado. Así, o ensino plurilingüe está cada vez en máis niveis e ensinanzas e rolda este curso os 110.000 alumnos (en 2008 eran 12.500), o que representa case o 32% do alumnado. Nesta liña, a conselleira anunciou un renovado plan de formación para o profesorado, que reforzará o traballo na aula da competencia oral e empregará didácticas específicas.

A integración das TIC no ensino e a aprendizaxe de competencias científico-tecnolóxicas tamén medra neste curso, coa chegada de Edixgal a 347 centros e 27.000 alumnos, fronte aos 84 centros e 2.300 alumnos cos que arrincou en 2014, e a duplicación dos centros con Bacharelato STEM, que pasan de 15 no pasado curso a 31, con 560 alumnos participantes. Ademais, todos os centros de Secundaria e arredor de 180 centros de Primaria contarán no curso 2019-20 con kits de Robótica subministrados pola Consellería.

Xunto ao fomento das competencias STEM nos centros educativos, a conselleira destacou o labor desenvolvido a prol das competencias de comprensión lectora, coas bibliotecas escolares como principal eixe. Así, neste curso máis de 700 centros participan do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), fronte aos 299 do curso 09/10, e continuarán as iniciativas de biblioteca inclusiva, clubs de lectura, radio na biblio ou biblioteca creativa, entre outras.

Estratexia Galega de FP

A Formación Profesional segue a medrar no número de alumnos e acada xa os 52.764 estudantes. A este respecto, a conselleira salientou que un curso máis “Galicia foi quen de ofrecer unha FP atractiva e adaptada ao tecido socioprodutivo e que fomenta o emprendemento, ao tempo que está a dar pasos significativos para consolidar a FP dual”. Como principais novidades deste curso apuntou o incremento de case o 60% da oferta de ciclos de FP dual e a posta en marcha do Módulo de lingua estranxeira profesional nos novos títulos sen módulo lingüístico.

Pomar anunciou tamén que neste curso se presentará a Estratexia Galega de FP 2020-2030, con medidas en FP dual; internacionalización; maior implicación do tecido empresarial, promoción da I+D+i aplicada ás Pemes e base de creación de novas empresas; atención ás necesidades de novos perfís profesionais e formación para os desafíos das próximas décadas.

Normalidade no inicio de curso

Canto ao inicio de curso, a conselleira apuntou que arrincou “con normalidade, agás algunha incidencia puntual que foi atendida cando se produciu”. Canto ás incidencias relacionadas coas obras, afirmou que se limitaron a menos de media ducia de colexios. “A realidade é que os centros, tanto os que precisaron obras como os que non, están funcionando de xeito ordinario e a Consellería segue con atención o avance da actividade para atender calquera situación que poida xurdir. “A Consellería está a actuar e velar polo axeitado funcionamento da actividade lectiva. Faino tanto ao inicio como ao longo do curso. Todos os anos escolares”, engadiu.

Neste sentido, Carmen Pomar aproveitou para poñer en valor a planificación e o importante esforzo de licitación e contratación realizado polo seu departamento para que neste curso os centros de máis antigüidade desenvolvan a súa actividade lectiva en mellores condicións. “A Consellería cumpriu o compromiso de ter listas todas as obras no interior para que puidesen comezar as clases con normalidade”, no verán con maior volume de obra en execución en centros educativos. Executáronse ou están en marcha 54 grandes obras por importe de máis de 50 millóns de euros e máis de 200 pequenas obras por un importe superior aos 6 millóns de euros.

A conselleira referiuse tamén ao cadro de persoal docente, que neste curso supera os 30.110 profesionais e garante a cobertura das necesidades do sistema educativo galego. Neste sentido, abondou no compromiso do seu departamento coa estabilidade laboral dos docentes, con continuas ofertas de emprego público; coas melloras retributivas, que comezaron en outubro de 2018 e continuarán de xeito paulatino ata o 2021; e “coa formación permanente do profesorado porque para a formación inicial seguimos sen novas do Goberno central”.