A Consellería de Educación participa na inauguración do XIII Congreso Internacional de Galicia e norte de Portugal de formación para o traballo

No encontro intercambiaranse experiencias sobre mobilidade, formación e orientación no ámbito transfronteirizo

A Consellería favorece a participación do profesorado de FP nesta actividade de forma totalmente gratuíta

Xov, 14/07/2011 - 11:37

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, participou hoxe no acto de inauguración do XIII Congreso Internacional de Galicia e Norte de Portugal de Formación para o Traballo, que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación en Santiago de Compostela, que contou coa presenza do subdirector xeral de Formación Profesional, Manuel Corredoira.

O departamento autonómico de Educación, consciente da importancia de afondar na relación entre ambas as rexións, está a traballar para poñelas en conexión, tanto no eido da Formación Profesional, como no da Universidade e as empresas. Nesta mesma liña a Consellería colabora co congreso permitindo que o profesorado de FP que o desexe poida participar nesta actividade de forma gratuíta.

Intercambio de experiencias

A globalización e a construción da Unión Europea, coa consecuente eliminación de fronteiras entre os países membro abre novos retos no que atinxe a facer posible a libre circulación de traballadores e traballadoras. Deste xeito, a mobilidade dos traballadores e traballadoras transfronteirizos de Galicia a Portugal e viceversa pasou de ser unha realidade ilegal e agachada a avanzar na perspectiva de converterse nunha legalidade normalizada e visíbel, na que emerxen necesidades compartidas, entre as que a formación e a orientación xorden como estratexias de primeiro orde para a normalización da mobilidade no emprego.

Baixo o título 'Mobilidade, formación, orientación e emprego no ámbito transfronteirizo', os asistentes a este congreso achegaranse ás boas prácticas e proxectos realizados ou en desenvolvemento e para a mobilidade, co fin de tomar conciencia das carencia e poñer en valor os efectos da actividade desenvolvida polos distintos axentes implicados, nos ámbitos da formación, a orientación e o emprego.

Durante as dúas xornadas de duración do encontro, numerosos expertos de universidades, institucións académicas e asociacións empresariais de Galicia e Norte de Portugal abordarán as estratexias das universidades na eurorrexión para favorecer a mobilidade, así como os distintos proxectos que se están a desenvolver neste eido.

Ademais, presentaranse experiencias empresariais na empregabilidade transfronteiriza, ou as oportunidades na cooperación entre Galicia e Norte de Portugal na formación e no emprego, entre outros temas.